A sesión comeza cos relatorios de Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado da Sala Contencioso Administrativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e Cristina López Villar, vicereitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña.
Despois da pausa terá lugar un diálogo cos asistentes facilitado pola empresa Rexenerando no que tamén intervirán os avogados Xoaquín Monteagudo Romero, Hector López de Castro e Alberte Souto Souto, xunto con Anxos Sobriño Pérez, licenciada en filoloxía galega, vogal da directiva da Coordinadora de traballadores de normalización lingüística (CTNL), técnica superior lingüista na Audiencia Provincial de Pontevedra; Xermán Varela Castejón, maxistrado titular do xulgado de instrución 2 de Pontevedra; e María de los Ángeles López Carballo, letrada da Administración de xustiza do xulgado do Social nº 3 de Lugo.
Formas de participación no foro
A cidadanía pode participar nesta mesa e nas outras do foro de diferentes maneiras. A primeira é mediante un cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas ás diferentes áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.
Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes mesas serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles no web da institución. Deste modo, poderanse ver intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, terá lugar un foro aberto á cidadanía, no que se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.
Foro participativo
O pasado mes de xaneiro, a institución presentaba ao público “Un país coa súa lingua. Foro participativo” como unha estratexia complementaria a outras iniciativas, focalizada nos aspectos máis urxentes e cunha estrutura áxil para poder sumarse ás diferentes accións que se desenvolvan dende outras entidades. A primeira xornada, que abordou a situación da lingua no ensino, puxo enriba da mesa unha medida piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego.
O foro continúa o 23 de abril coa mesa, “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, moderada por Iolanda Casal que afondará na atención a colectivos vulnerables, os servizos sociais, así como a inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Marta Veiga coordina a mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. Na quinta mesa, “Economía, turismo e deporte”, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas como as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.


