NOTICIA

----

Un país coa súa lingua. Foro participativo propón facilitar os trámites en galego coa xustiza e coa administración

Traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial así como os modelos de documentos máis frecuentes da administración. Son algunhas das medidas concretas que se propuxeron este xoves no marco da mesa “Administración, a xustiza e os servizos públicos” coordinada por Alba Nogueira, que apuntou posibilitarán “avanzar para que a administración e a xustiza lle falen á sociedade na súa lingua” . Esta sesión forma parte do proxecto Un país coa súa lingua. Foro Participativo que puxo en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) para ofrecer medidas propositivas sobre a situación do galego. “Insistimos na importancia de traballar con todas as portas abertas e implementar medidas coas ferramentas actuais para reverter a situación que xa está diagnosticada” insistiu Dolores Vilavedra, coordinadora este foro e vicepresidenta do CCG. As sesións continúan o 23 de abril coa mesa “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, moderada por Iolanda Casal.

A creación de software e a dispoñibilidade de documentación xudicial en galego, é dicir, traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial e os formularios máis habituais son algunhas das medidas que se abordaron no transcurso da sesión. Unha proposta que pretende paliar unha situación que Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado da Sala Contencioso Administrativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, describiu na súa intervención: “segundo unha consulta realizada ao CENDOJ (Centro de Documentación Judicial) nos últimos 5 anos o 96,21% das resolucións ditadas en Galicia están en castelán e só o 3,79% está en galego”. Villares considera que cómpre actuar contra unha “inercia histórica” que impide que se dean pasos en favor do galego. “O fallo está nas políticas públicas que desenvolven os que teñen que garantir a oficialidade lingüística” asegurou ao tempo que pediu “máis medios e que recursos como a aplicación Minerva permitan que a tramitación xurídica estea en galego”.

Na sesión tamén se propuxo que, unha vez que ese material estea dispoñible, se debe impulsar o uso do galego entre os profesionais da xustiza mediante cursos de formación e medidas de fomento que permitan garantir unha maior presenza do galego na tramitación e nas resolucións xudiciais. Outras das medidas que se abordaron no marco desta sesión foi o aumento do gasto público en normalización, un investimento que permita garantir accións efectivas de promoción do galego en todos os ámbitos. Tamén se abordou establecer criterios lingüísticos nos servizos contratados polas administracións, especialmente naqueles eidos que te que ver coa atención ao público, coa infancia, co lecer e cos servizos sociais (auga, lixo, comedores escolares, tempo libre, centros de día e maiores, entre outros).

Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, optou na súa intervención por “regular xuridicamente a planificación lingüística, que debería ter un fácil consenso político e xudicial”. Para a mellora da lexislación lingüística tamén se propuxeron outras medidas concretas como ampliar e reforzar a regulación legal sobre a planificación e os dereitos lingüísticos que garanta un marco normativo máis sólido que facilite a promoción e protección efectiva do galego en todos os ámbitos.

Pola súa parte, Cristina López Villar, vicereitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, recordou que “a universidade é un reflexo do que pasa na sociedade” e informou da posta en marcha dun plan interuniversitario para a promoción do galego.

Na sesión, á que asistiu o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, tamén participaron os avogados Xoaquín Monteagudo Romero, Hector López de Castro e Alberte Souto Souto; Anxos Sobriño Pérez, vogal da directiva da Coordinadora de traballadores de normalización lingüística (CTNL) e técnica superior lingüista na Audiencia Provincial de Pontevedra; ; Xermán Varela Castejón, maxistrado titular do xulgado de Pontevedra; e María de los Ángeles López Carballo, letrada da Administración de xustiza no xulgado de Lugo.

Segunda parada do itinerario
O pasado mes de xaneiro, a institución presentaba ao público “Un país coa súa lingua. Foro participativo” como unha estratexia complementaria a outras iniciativas, focalizada nos aspectos máis urxentes e cunha estrutura áxil para poder sumarse ás diferentes accións que se desenvolvan dende outras entidades. A primeira xornada, que abordou a situación da lingua no ensino, puxo enriba da mesa unha medida piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego

A terceira mesa, “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, está moderada por Iolanda Casal e desenvolverase o 23 de abril,. Nela reflexionarase sobre a atención a colectivos vulnerables, os servizos sociais, así como a inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Marta Veiga coordina a mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. Na quinta mesa, “Economía, turismo e deporte”, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas como as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.

Formas de participación no foro
A cidadanía pode participar nesta mesa e nas outras do foro de diferentes maneiras. A primeira é mediante un cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas ás diferentes áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.

Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes mesas serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles no web da institución. Deste modo, poderanse ver intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, terá lugar un foro aberto á cidadanía, no que se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.