A viaxe institucional que a presidenta do CCG inicia este martes 25 de marzo encádrase no marco das actuacións en acción exterior e permite poñer en diálogo ambas as dúas culturas atlánticas para coñecemento mutuo e fortalecer os vínculos comúns. A axenda institucional comeza o martes cun programa de traballo no que figura a reunión con Maureen Kennelly, directora do Arts Council; con Pat Guiry, presidente da Royal Irish Academy e Feargal Ó Coigligh, secretario xeral do Departamento de Turismo, Cultura, Artes, Gaeltacht, Deporte e Medios do goberno irlandés.
O mércores terá lugar o encontro con Geraldine Stout e Michael Byrne, membros da directiva do Group for the Study of Irish Historic Settlement (GSIHS). Ese mesmo día haberá un almorzo de traballo na embaixada de España en Irlanda. A axenda institucional remata o xoves 27 cunha entrevista con Lynn Scarf, directora do Museo Nacional de Irlanda. Ademais, está previsto un encontro con Fin Dwyer, recoñecido comunicador cultural irlandés. En paralelo á axenda institucional e, en colaboración co Instituto Cervantes a través da súa sede en Dublín, terán lugar uns encontros que permitirán achegarlle á cidadanía irlandesa unha mostra da cultura galega máis actual.
“Encontros atlánticos. Galicia-Irlanda”
Os “Encontros atlánticos. Galicia-Irlanda” arrincan este mesmo martes (18:00 horas) cunha sesión arredor da lingua e da literatura galegas na súa conexión coa poesía irlandesa dividida en dúas partes. Na primeira haberá un coloquio no que Catherine Barbour, Xavier Queipo e Dolores Vilavedra ofrecerán un panorama da literatura galega actual. Na segunda, con Martín Veiga como mestre de cerimonia, haberá un recitado de poemas na voz dos seus creadores e creadoras: Alba Cid e Daniel Salgado, por parte de Galicia, e Keith Payne e Grace Wells, pola irlandesa.
A produtora e docente Beli Martínez coordina o 26 de marzo a sesión titulada “Arredor de si, un certo panorama da creación cinematográfica galega”, que ofrece un camiño por algunhas das curtametraxes máis innovadoras do audiovisual de Galicia nas últimas dúas décadas. No programa hai tres documentais “París#1” (2008) de Óliver Laxe, “Ser e voltar” (2014) de Xacio Baño e “30′ 70 60′ 120” (2021) de Marta Valverde; dúas pezas de animación, “1977“ (2008) de Peque Varela e mais ”Decorado” (2016) de Alberto Vázquez, xunto coa curtametraxe de ficción “Matria” (2017) de Álvaro Gago.
O programa cultural remata o día 27 cun concerto de Uxía acompañada polo guitarrista Pablo Novoa. Uxía, que conta cun continuado traballo de divulgación da poesía galega, de renovación da música tradicional e de fusión con outras culturas lusófonas ofrecerá un programa que combina música tradicional con repertorio propio e interpretacións sobre poemas de distintos creadores, ademais dun par de acenos á cultura portuguesa. No programa do concerto destaca tamén a versión da popular canción de Chané con Curros Enríquez “Unha noite na eira do trigo”.
Acción exterior
Esta programación encaixa dentro dunha liña de traballo da institución orientada a estreitar vínculos con outras culturas atlánticas. En 2004 xa houbo unha primeira aproximación, daquel entón realizárase en Galicia, nun formato de carácter académico que levaba por título "Congreso Galicia-Irlanda: Dúas Fisterras Europeas". Organizado en sete bloques temáticos, abordáronse as relacións históricas Galicia-Irlanda desde a antigüidade, o asentamento, a sociedade e a economía dos dous territorios, a evolución do mundo rural, o nacionalismo e a construción nacional, a emigración, a industrialización tardía e a lingua, literatura e relacións culturais. En 2017, no marco dunha liña de traballo que procurase as conexións entre os diferentes fisterras europeos, organizáronse unhas xornadas que visitaron as moitas semellanzas xeográficas e culturais que se trazaron en relacións intermitentes desde a prehistoria entre a Bretaña e Galicia.
Todas estas accións forman parte do programa de Acción Exterior da institución, que ten entre os seus eixes fundamentais a promoción internacional da cultura galega.