Na xornada de peche deste ciclo realizarase un percorrido polo mundo editorial máis formal, o vinculado a fundacións e institucións, e tamén polo que trata en particular o campo do libro de artista e polo que ofrece posibilidades creativas para a autoedición e a autoxestión.
A xornada comeza cun relatorio a cargo de Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC que se titula “Un proxecto para a arte e o deseño contemporáneo”. De seguido, Lucía Romaní, educadora e artista plástica, profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra aborda as posibilidades creativas do libro de artista. Por último, Bernal Prieto, deseñador e ilustrador; representante do Autobán, pon sobre a mesa a opción do fanzine, que permite a autoedición e autoxestión da propia obra.
Na xornada achegaranse diferentes materiais e os tres relatores, moderados por Lucila Yáñez, participarán nun debate co público arredor do presente e futuro das publicacións de arte en Galicia.
Cinco citas coa situación da arte
Esta sesión pon o ramo a Arte en tempo real, ciclo da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que se achegou, en boca dos seus protagonistas, ao estado actual da arte na nosa comunidade. No outono de 2024 analizouse a complexa situación que viven os artistas e o comisariado, mentres que en neste ano se falou do papel das galerías de arte e da situación das coleccións e museos de arte. O ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Paula Cabaleiro e os demais membros son Rosendo Cid, Carmen Díaz Cacheda, Silvia García González, Javier Pérez Buján, Luisa Pita, Ramón Rozas Domínguez, Rosario Sarmiento Escalona, Eduardo Valiña, Manuel Vilariño Seco e Lucila Yáñez Anllo-Vergas.


