A entrada do Álbum de Galicia pon o foco en que “a coñecida como condesa de Barrantes ou “condesa Boa” agocha unha biografía que daría para ducias de libros e ata para algunha película”. Maruxa Alfonso destaca o seu carácter polifacético e activo, tan interesante coma descoñecido. “Non hai nada escrito agás o que contan dela e o libro de Xosé Lois Vila Fariña, Julia Becerra Malvar. El valor de una mujer. Notas para su biografía, que foi escrito en colaboración co xornalista Benito Leiro” afirma na entrada.
Nada en Salcedo, filla de Manuel Becerra Armesto, que foi alcalde de Pontevedra, máis de Josefina Malvar, que pertencía a unha familia de gran relevancia política, curmá da escritora Emilia Pardo Bazán. Pasou a súa nenez en París, onde estudou deseño de moda, canto e piano e mesmo chegou a cantar á Scala de Milán. Conta Maruxa Alfonso na entrada que esa faceta non lle gustaba a seu pai, que “esixiu o seu regreso a Galicia”. Casou co avogado valenciano Vicente Sagarriga Martínez del Pisón, Conde de Creixell, Barón de la Pobadilla e Señor de Ortells, tres meses despois de coñecérense e “como regalo de voda, a parella recibiu o Pazo de Barrantes” explica a entrada. Tiveron dúas fillas: Julia e Cristina Sagarriga Becerra.
Maruxa Alfonso destaca que foi unha “firme defensora da lingua e da cultura galegas” e que “na lista dos seus amigos figura o poeta cambadés Ramón Cabanillas, quen lle dedicou un poema no ano 1925 e co que mantiña correspondencia que hoxe non se conserva, segundo Vila Fariña, porque ela mesma a destruíu”. Si se conservan mostras da súa implicación política. Gárdanse varias cartas que intercambiou co político e empresario catalanista Francisco Cambó, entre elas, “algunhas que fan referencia á intervención de Julia Becerra no Congreso dos Deputados para protestar contra a queima de igrexas e conventos” afirma a entrada. Foi a propia condesa a que ofreceu en setembro de 1930 o seu pazo como escenario para firmar o coñecido como Pacto de Barrantes, considerado a orixe do primeiro Pacto de Autonomía de Galicia, nunha xuntanza na que participaron Castelao, Otero Pedraio, Casares Quiroga ou Villar Ponte. A entrada destaca que chegou a “presentarse ás eleccións ao Congreso dos Deputados no ano 1936 representando a un partido galeguista, republicano e conservador” pero que non saíu elixida. Comeza entón unha serie de infortunios na vida da condesa. A morte do seu home foi pouco antes do alzamento militar, tralo que comezou a prestar axuda no “Socorro Blanco”, organización clandestina que axudaba a fuxir a persoas que estaban en perigo.
Foi enfermeira voluntaria e, durante a Segunda Guerra Mundial, percorreu Europa atendendo os feridos da guerra en hospitais e campos de refuxiados. Alí coñeceu ao que sería o seu segundo marido, Frank Erik Arbenz, director suízo desta organización a nivel internacional, que fina en 1962. Con todo, explica a entrada “o golpe máis forte que lle deu a vida sucedeu o 21 de abril de 1967 en Briviesca, na provincia de Burgos. O coche no que viaxaban as súas dúas fillas e dous dos seus netos sofre un terrible accidente, no que falecen os catro”.
En Barrantes coñécena co alcume da “condesa boa” porque doou os terreos sobre os que está construído un centro educativo que leva o seu nome. Tamén doou os terreos nos que se levanta o mercado e o local da asociación de veciños e os que acollen a capela na honra de Santo Isidro, construída por petición expresa de Julia Becerra. Morreu en Madrid en 1974 e as súas cinzas, despositadas inicialmente na capital, trasladáronse ao cemiterio de Barrantes en 2009. “Á súa morte, o seu patrimonio foi divido entre os seus netos e o seu querido pazo de Barrantes quedou en mans do seu neto Vicente Cebrián Sagarriga, quen apostou por reconstruílo e retomar a súa actividade vitivinícola” afirma Maruxa Alfonso.
A entrada compleméntase con ligazóns a diferentes artigos que recollen algunhas das actividades realizadas pola condesa e as escasos textos que se achegan á súa biografía.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.


