----

Domingo Blanco cédelle á institución gravacións sonoras de cantiga improvisada

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o especialista en poesía popular galega, Domingo Blanco, asinaron esta mañá un acordo polo que Blanco lle cede á institución unha colección de rexistros sonoros en torno a música de tradición oral. Son 38 cassetes orixinais que recollen entrevistas a distintos informantes sobre cantiga improvisada. Os materiais custodiaranse no Arquivo Sonoro de Galicia, centro dependente do CCG, que procederá a súa dixitalización e difusión posterior.

O fondo que Domingo Blanco Pérez cede ao Consello da Cultura Galega está conformado por 38 cassetes que conteñen música, canción tradicionais, regueifas, entrevistas sobre improvisación e outras manifestacións orais populares. Forman parte dun traballo de campo que Domingo Blanco realizou entre 1997 e 1998, principalmente entre cantores e improvisadores populares das zonas de Bergantiños, Muxía, Vimianzo, pero que tamén contén gravacións doutros lugares como Pedrafita do Cebreiro, o Caurel, o municipio leonés de Oencia, ou Olelas, unha aldea de Entrimo, moi preto de Portugal.

Este fondo, conformado maioritariamente por informantes masculinos, permite ver, en palabras de Domingo Blanco, “unha información veraz e auténtica do mundo da cantiga improvisada en Galicia nos últimos sesenta anos”.

Todo este material preservarase como unha colección con unidade propia dentro dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, onde se custodiarán para a súa preservación, catalogación e difusión.