“A actividade física regular ten múltiples beneficios, tanto para a nosa saúde física como mental: fortalece os músculos, mantén as articulacións en forma, prevén enfermidades cardiovasculares, axuda a durmir mellor, mellora o humor e a memoria e protexe o cerebro contra enfermidades neurodexenerativas coma o alzhéimer” así comeza o especial deste mes de Proxector que xunta doce vídeos para explicar, en boca dos científicos, os beneficios e consellos á hora da práctica deportiva.
O atletismo é o deporte máis antigo do mundo, por iso, este especial de proxector comeza cun vídeo de divulgación científica sobre as súas características, permite tamén familiarizarte co seu léxico propio: foxo, pértega, adestrador, xavelina... A peza forma parte da serie Adestra a túa lingua, realizada pola cooperativa Suseia ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022, para ofrecerlle á mocidade información sobre o deporte, derrubar mitos sexistas e difundir terminoloxía relacionada co ámbito deportivo. Desta mesma serie tamén se escolman máis pezas, unha delas é “os birlos celtas e a esgrima histórica” e outra é o vídeo “Como competir en remo” que nos explica cales son as tres modalidades que teñen máis tradición nas nosas rías, segundo a embarcación empregada para a súa práctica (traiñeira, canoa e piragua ou caiac).
Neste percorrido non podía faltar o fútbol. Nunha peza dirixida por Antón Varela e locutada por Lucía Aldao, achega a historia do fútbol masculino en Galicia nos anos vinte do século pasado. Uns anos destacados nos que se profesionaliza o fútbol masculino galego, se crea a primeira selección galega e xorden equipos coma o Rácing de Ferrol ou o Celta de Vigo. As fases do quecemento deportivo, como lle afectan os estiramentos aos músculos ou como combater as maniotas son outros dos vídeos que se poden ver nesta entrega do Proxector. E tamén se incorpora un vídeo TED (13' 02'') no que a neurocientífica Wendy Suzuki explica porqué o exercicio é o máis transformador que se pode facer polo cerebro. A experiencia da deportista Tania Álvarez Yates ou o vídeo divulgativo da Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña son algúns dos vídeos que se poden ver neste especial.
Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.