----

Asinado un convenio coa CRTVG para difundir a lingua e a cultura galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de actividades conxuntas que contribúan a fomentar e a difundir a lingua e cultura galega. O convenio, que ten unha vixencia de dous anos que poden ser prorrogables, posibilitará a emisión, entre outras actividades do CCG, do Concerto das Letras Galegas.

O convenio asinado esta mañá facilita a promoción e difusión da lingua e a cultura galega mediante a cobertura das actividades realizadas polo CCG a través das diferentes cadeas e plataformas que ten activas a televisión pública. Entre elas destaca o Concerto das Letras Galegas, proposta musical de carácter institucional coa que o CCG abre a programación do Día das Letras Galegas cun programa musical relacionada coa figura homenaxeada en cada edición. En cada concerto estréase unha peza encargada a un compositor galego a partir do legado da figura ou entidade celebrada. A décimo quinta edición deste concerto terá lugar o vindeiro 16 de maio en Carballo e está dedicado á poesía popular oral. A CRTVG emitirá este concerto no marco da programación do Día das Letras Galegas.