NOTICIA

----

O pioneiro da ciencia medieval, Pedro o Galego entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Pedro González Pérez (Santa Marta de Ortigueira, 1188- Cartaxena, 1267). Foi un bispo franciscano que salientou pola súa obra intelectual e científica. Durante o seu prelado escribiu varias obras das que se conservan un tratado astronómico, un libro sobre o estudo dos animais e unha obra arredor da economía e goberno domésticos. Ao longo da súa vida mantivo unha fonda relación co rei Afonso X, de quen se di que o menciona nas súas Cantigas. Lúa Blanca Garea é a autora da entrada que está dispoñible para consultar no web do CCG.

A entrada do Álbum de Galicia comeza explicando que son moitas as incógnitas que rodean a figura de Pedro o Galego. Existen varias teorías que recollen que o seu verdadeiro nome era Pedro González Pérez, fillo dun Gonzalo Pérez Gallego, natural de Santa Marta de Ortigueira, como parte da liñaxe dos nobres Gallegos do Reino de Murcia. Outras fontes sosteñen que Galego era o alcume que recibiu ao ter pasado a maior parte da súa vida noutros lugares da península. O Galego formouse espiritual e intelectualmente no mosteiro franciscano de Santiago de Compostela, onde se levaban a cabo estudos científicos avanzados en astronomía, astroloxía e filosofía natural, que se descoñecían ata o século pasado. Blanca Garea fai un percorrido pola obra e fitos vitais deste bispo e pioneiro das ciencias, de quen só chegou ata nós unha parte da súa produción.

Lúa Blanca Garea destaca por unha banda o papel que tivo O Galego na xestión dos reinos cristiáns e por outra a súa faceta intelectual e estudosa. Foi Provincial franciscano de Castela no mosteiro da Bastida, preto de Toledo etapa na que viviu un dos episodios máis relevantes da súa vida. Nun contexto tumultuoso polas guerras entre os reinos cristiáns e musulmáns, tívose que facer cargo na organización e xestión do territorio. Por aquel entón coñece ao rei Afonso X, naquel momento aínda infante, con quen colaborará o resto da súa vida e grazas a quen chega ser Bispo de Cartaxena. Nos seus anos como prelado desenvolveu a súa faceta intelectual, a cal foi descoñecida ata o século pasado. “Hoxe en día conservamos tres obras escritas por Pedro o Galego (...). Por unha parte observamos un tratado astronómico, a Summa de astronomia ou Compendio de Astronomía, que consiste nunha compilación de teorías astronómicas relevantes na época e derivadas de distintas tradicións árabes na que o autor aborda cuestións como o tamaño do cosmos, os movementos dos corpos celestes, os elementos que conforman o mundo ou as estrelas fixas.(...) En segundo lugar conservamos un Liber de Animalibus ou Libro sobre os animais (...) con cuestións relativas ás particularidades anatómicas e fisiolóxicas dos seres vivos; como o estudo das súas partes, ou a procreación e creación dos seres humanos. (...) Finalmente, a última obra que se conserva do autor é o De regitiva domus ou Sobre o goberno da casa, un texto sobre a economía e goberno domésticos.” apunta a entrada. Blanca Garea indica ademais que hai indicios dunha cuarta obra sobre cetrería que aínda non foi atopada, e salienta a múltiple variedade de intereses intelectuais e científicos que tivo o bispo ao longo da súa vida.

Da súa obra Summa de astronomia consérvanse na actualidade dous manuscritos. Un na Biblioteca Comunale di Sarnano (Macerata, Italia), o E.108 e outro exemplar que custodia a Biblioteca Nacional de España, o número 8918. Esta copia contén a obra na súa totalidade e foi o último en ser atopado e identificado, entorno aos anos oitenta do século pasado. Por outra banda, do Liber de Animalibus consérvase un único manuscrito da obra, o Vat. Lat. 1288 da Biblioteca Apostólica Vaticana de Roma.

A vida de Pedro O Galego está rodeada de incógnitas, especialmente no referente aos seus primeiros anos. Sábese que naceu a finais do século XII en Galicia, en base aos testemuños sobre a súa morte, o 19 de novembro de 1267. Esta información aparece recollida no século XIX por Fidel Fita, historiador e epigrafista. Con todo, a transmisión dos datos é indirecta e escura, xa que Fita se fai eco dunha noticia dun cronista do século anterior, que á súa vez o tomara dun texto do século XV escrito polo bispo de Cartaxena Diego de Comontes na súa obra Fundamentum Ecclesie Carthaginensis.

A entrada incorpora a transcrición dunha cantiga de Afonso X. A cantiga 472 do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, que fai mención a un Pero Galego, que algúns identificaron co bispo. Entre os materiais complementarios figura unha galería de imaxes dos textos orixinais escritos por O Galego, así como o seu retrato e o documento da súa consagración como bispo de Cartaxena.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.