A entrada do Álbum de Galicia comeza cun percorrido polos primeiros anos da súa vida laboral, onde desempeñou varios cargos públicos relacionados coa política. Traballou como funcionario no Goberno Civil de Pontevedra, no Goberno Xeral de Cuba e da Habana, no Ministerio de Ultramar e gobernador da provincia de León entre outros. Tivo vinculación co Partido Liberal, co que chegou a ser deputado por Cambados, acadando diversos beneficios para o comercio marítimo da zona.
Na súa faceta intelectual, a entrada destaca que García de la Riega era colaborador habitual en medios de comunicación como Diario de Pontevedra, Heraldo Gallego, Correspondencia Gallega, Ilustración Gallega y Asturiana ou Galicia Moderna, onde publicaba artigos, poesía, relatos breves e análises históricas. En 1875 foi un dos fundadores da Sociedad Galicia Literaria, xunto con autores como Manuel Curros Enríquez ou Teodosio Vesteiro Torres. Dita institución, de carácter progresista, foi creada para velar polos intereses morais e literarios do país baixo o lema Libertad, igualdad, fraternidad. A súa faceta literaria veuse recompensada coa invitación a formar parte da Real Academia Galega, institución que abandonou tras desacordos co presidente Manuel Murguía. Por outra banda, foi membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, fundada en 1894, onde traballou na catalogación e organización do Arquivo Municipal de Pontevedra xunto con Casto Sampedro, Carmelo Castiñeira e Luis Sobrino. Ademais da súa faceta como investigador e escritor, cultivou a pintura e o debuxo en tinta e acuarela, plasmando as paisaxes de Pontevedra. Obras plásticas coas que participou na II Exposición Enrique Campo, organizada pola Sociedade Arqueolóxica.
O historiador acadou unha grande sona por iniciar a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, defendéndoa en varias obras como La Gallega, nave capitana de Colón ou Colón, Español. En 1898 impartiu unha conferencia ao respecto na Sociedad Geográfica de Madrid titulada Cristóbal Colón, ¿Español?, que tivo grande repercusión na época, pero que lle valeron o rexeitamento de moitos dos intelectuais do seu tempo. En 1917, a Real Academia Galega cuestionou a autenticidade dos documentos empregados por García de la Riega para defender a teoría “Concluímos que houbo unha manipulación sistemática, dirixida a modificar ou suplantar varios nomes de persoas (...) no que se refire aos lugares alterados, carecen absolutamente de valor”. Con todo, posteriormente demostrouse que a manipulación dos documentos por parte de García de la Riega soamente consistiu en facilitar a visualización e presentación da información sen manipular o contido. A autora Emilia Rodríguez Solano sostiña na súa Memoria de Licenciatura de 1967 que as modificacións do historiador consistiron en “Avivar a letra para facilitar a reprodución e non en modificar o contido (aínda que que nalgún caso a autora non o descarta)”. Novos estudos, realizados con técnicas máis adiantadas, como o realizado polo Instituto de Patrimonio Cultural de España (ICPE), van na mesma liña interpretativa. No ano 2014 a Real Academia Galega, baseándose nesas análises, afirmaba que non consideraba xustas as cualificacións vertidas sobre a figura do autor a comezos do século XX, que o consideraron un falsificador.
Malia a controversia xerada, a entrada recolle algún o fondo respecto e agarimo que sociedade de Pontevedra lle tiña ao historiador e recolle varios agradecementos publicados en diferentes xornais da época.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de Pedro O galego, José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda ou Virxilio Viéitez. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados da institución.