NOTICIA

----

O profesor, intelectual e investigador, Felipe Cordero Carrete, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Felipe Cordero Carrete (Redondela, 1894 - Santiago de Compostela, 1988) Foi un profesor de Historia, Filosofía e Inglés, así como investigador. Membro da Real Academia Galega, do Seminario de Estudos Galegos e Director da Residencia de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu proxectos culturais como a Fundación Rosalía de Castro e a Editorial Bibliófilos Galegos. Participou na creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e durante a Guerra Civil, axudou a salvagardar a biblioteca da institución. Diana Duo Ramila é a autora da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

A entrada do Álbum de Galicia comeza cun percorrido polos primeiros anos da vida do autor, que pasou a súa infancia en Porto Rico por mor do traballo de seu pai. Cursa a súa formación básica e superior en Estados Unidos, e licénciase en Odontoloxía polo Baltimore College of Dental Surgery da Universidade de Maryland. Durante a I Guerra Mundial foi voluntario no exército norteamericano. Despois de exercer como odontólogo en Porto Rico, regresa a Galicia en 1921, establecéndose en Santiago de Compostela. Cidade onde estuda Filosofía e Letras e comeza a traballa como profesor de Historia Antiga e Inglés. Ao mesmo tempo, inicia o desenvolvemento da súa faceta intelectual e estudosa, ademais de participar na vida política local.

Dende o ano 1931 comeza a ter vínculo co Seminario de Estudos Galegos (SEG) e formará parte da súa directiva. Como membro do Seminario, impulsa a publicación de Codex Calixtinus ou o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae. En paralelo, Cordero Carrete é profesor da Universidade de Santiago de Compostela e dirixe a Residencia de Estudantes, o que lle permite participar na modernización da Universidade no primeiro terzo do Século XX. A Guerra Civil trunca a súa traxectoria vital e profesional, xa que a raíz da mesma, perde o seu posto como profesor e ve desaparecer o (SEG). Durante estes anos, protagoniza xunto con Carro e Pedret o traslado da biblioteca e fondos do extinto Seminario, seguindo as instrucións do director do Museo do Prado en funcións, Francisco Sánchez Cantón. Cando finaliza o conflito bélico, comeza a participar no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), herdeiro dos fondos e do traballo do (SEG), onde desempeña o cargo de secretario durante 28 anos.

Na súa faceta como investigador no (IEGPS) organiza ata 30 exposicións anuais, actos culturais e conferencias de diversos eidos de investigación, contribuíndo así ao desenvolvemento cultural e científico. Ademais, conseguiu reunir para a institución, diversos fondos bibliográficos, documentais e patrimoniais relacionadas coa historia e co arte. Ao longo dos anos, recupera documentos inéditos que traducía do latín e que publicaría en Cadernos de Estudos Galegos. Entre eles, salienta Peregrinos ingleses a Santiago no século XIV, no que traballou xunto coa investigadora do British Museum, Constance Storrs. A obra reúne un total de 117 nomes de peregrinos ingleses a Compostela do século XIV, así como permisos ou licenzas de embarque. O Museo de Pontevedra conserva algúns dos manuscritos do autor, como O escudo da residencia e A cidade dos mil e un arames.

Paralelamente á súa labor no Instituto, desenvolve outros proxectos culturais relacionados coa literatura galega. Funda o Padroado Rosalía de Castro en 1947, que sería a precursora da Fundación Rosalía de Castro e impulsa a Editorial Bibliófilos Galegos. En 1950 é nomeado Académico correspondente da Real Academia Galega, e forma parte da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela.

En recoñecemento á súa traxectoria, a Fundación Rosalía de Castro concédelle en 1987 un galardón coincidindo coa conmemoración do 150 aniversario do nacemento da escritora. O Ministerio de Educación e Ciencia outorgoulle en 1977 a Encomenda da Orde Civil de Afonso X o Sabio; unha distinción que lle foi concedida ”pola súa xenerosa dedicación ao Instituto de Estudos Galegos no que segue traballando diariamente, con admirable eficacia e entusiasmo, tanto nas tarefas científicas como na de Secretaría”. En 1986 recibe unha distinción do Parlamento de Galicia en recoñecemento pola intervención do proceso estatutario. Ese mesmo ano, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) concédelle a insignia de prata polo labor realizado no (IEGPS).

Felipe Ramón Cordero Carrete falece en Santiago de Compostela o 18 de xullo de 1988 á idade de 94 anos.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.