O acordo sitúase no marco dunha liña de acción na que xa se desenvolveron actividades como a participación da directora do CDIF xunto coa integrante da Comisión técnica de Identidade e diversidade sexual, Cristina Ferrández no “Seminario Formativo dirixido a cadros empresariais e sindicais sobre as medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI” nas empresas celebrado o pasado mes de marzo. Ademais, nos vindeiros meses repartiranse entre as organización sindicais e empresariais que conforman este organismo cen exemplares.
O manual
O manual está dividido en tres apartados fundamentais. O primeiro deles está dedicado a recoñecer os distintos modos de violencia. Preséntase “a modo de checklist para poder identificar as diferentes formas de violencias”, explicou Carme Adán, quen subliñou tamén que aínda segue a ser moi necesario identificar os delitos que recoñece o Código Penal (agresión sexual, violación, acoso sexual, ciberacoso sexual, exhibicionismo, provocación sexual, comentarios sexistas ou vexatorios mais a prostitución e explotación sexual).
O segundo apartado está centrado en explicar como proceder no caso de que se sexa vítima de violencia de xénero ou sexual. Nel explícanse os percorridos xurídicos, como é o proceso xudicial, como vai ser a declaración e como protexerse tras a denuncia co obxectivo de orientar as mulleres e mozas que dean o paso de presentar unha denuncia. O documento axuda tamén a combater mitos e lembra que só o 0,01 % das denuncia de violencia de xénero en 2022 foron falsas.
O terceiro apartado presenta unha compilación dos espazos cos que pode contar a día de hoxe en Galicia unha persoa que sofre violencia de xénero ou sexual: desde os oitenta Centros de Información á Muller (CIM) espallados por toda Galicia ata a Rede Galega de Acollemento ou o Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, entre moitos outros. É unha listaxe de recursos aos que acudir.
O manual está dirixido a todas as mulleres e mozas que poidan atoparse nunha situación de violencia machista, mais tamén ás profesionais que todos os días traballan na prevención ou erradicación da violencia. O documento foi elaborado por unha comisión que coordinou Carme Adán e na que participaron Victoria Rey Mariño, Belén Puñal Rama e Cristina Martínez Fernández. Ademais da publicación en formato dixital, dispoñible para descarga desde o sitio web do CCG, editáronse mil exemplares impresos que se distribuiron entre concellos, centros educativos e demais espazos orientados á muller.



