A terceira sesión do ciclo “Acceso á cultura” lévanos ata a antiga fábrica de carburos Laforet de Arcade para abordar a relación entre acceso á cultura e comunicación coa finalidade de obter datos a partir de proxectos culturais e sociais que traballan en distintos eidos. Poñerase o acento en identificar as diferentes necesidades de accesibilidade e comunicación que teñen os ámbitos do audiovisual, editorial, escénicas, arte urbana, música, proxectos comunitarios, deseño, publicidade e contidos dixitais. Na sesión cuestionarase se se comunican eficazmente os dereitos culturais e se facilita o acceso á cultura para todas as persoas.
A xornada comeza coa presentación de oito proxectos como son Cru Producións, no eido audiovisual; en comunicación e deseño, As Peaky Branders; en música, o proxecto de escénicas Ártika Cía; en arquitectura e arte urbana, o "Proxecto Ewa"; ademais da comunidade "A morada", a editora Catro ventos máis a experiencia do Museo do videoxogo. Guian as sesións de traballo Encarna Lago, Olaxonmario e Ana G. Liste. No marco da sesión está programada unha visita guiada polo edificio para coñecer a súa historia fabril e o proceso de recuperación patrimonial para uso público ligado á cultura.
Cinco citas para abordar a situación das políticas públicas
O pasado 26 de marzo tivo lugar no Pazo de Goiáns (Boiro) a primeira das xornadas dun ciclo que presta atención ao catro dereitos que deben atender as políticas públicas.: participación, territorio, acceso e a comunicación máis a interseccionalidade. A primeira das cita abordou a participación cidadá en cultura, onde as persoas exercen o seu dereito a facer cultura e non só a consumila. Aquela xornada foi coordinada por Alberto García, e tivo como mediadoras a Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Nela expuxéronse seis proxectos participativos como son Castelo Conta, o Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, O Festival internacional de outono de Carballo, Escora Danza, e Pasabodeghas. Serviron de exemplo para coñecer como se canaliza a participación da cidadanía. A segunda xornada levounos á Casa Vella en Allariz, baixo a coordinación de Roberto Pascual, para coñecer sete experiencias realizadas nas comarcas do interior de Galicia, especialmente afectadas polo despoboamento, o abandono, a problemática medioambiental e o empobrecemento do territorio. Este ciclo, formado por catro xornadas de recollida de información e unha de debate final rematará en xuño. A partir delas elaborarase un informe que se dará a coñecer no outono.
Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
Este ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade que realiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que coordina Paula Cabaleiro e que está conformada por Xavier Campos, Uxía Caride, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Sergio Lago, Agar Ledo, Marcos Lorenzo e Roberto Pascual.


