A cuarta mesa do foro participativo analizará a situación do galego nos medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais; as actividades e equipamentos culturais así como a proxección internacional da lingua. Na sesión, Carlota Casal presentará Presumo de Galego, unha iniciativa dixital que visibiliza o uso do galego no día a día e promove o seu prestixio social a través de contidos frescos e participativos nas redes sociais. Carlos García Vieito achegaranos ao Exército Mekemeke, un proxecto de intervención urbana que emprega o humor, a creatividade e o enxeño para reivindicar o galego como lingua moderna e chea de posibilidades. Pola súa banda, Ana María Prieto Rodríguez falará da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, colectivo que mantén viva a cultura galega na diáspora a través de actividades culturais e proxectos como a Biblioteca Sabela Labraña, un espazo de encontro e memoria para a comunidade galega en Cataluña. Esta xornada será unha oportunidade única para coñecer experiencias transformadoras que contribúen a construír unha sociedade máis orgullosa da súa identidade lingüística.
Despois das mesas das intervencións terá lugar o diálogo estruturado facilitado pola cooperativa Rexenerando no que teñen confirmada a súa asistencia Senén Barro, en representación do Proxecto Nós, iniciativa punteira no desenvolvemento de ferramentas de intelixencia artificial para o galego; Andrea Villa Feijoo, do Carballo Interplay, festival de referencia na creación audiovisual dixital en lingua galega; Ana González Liste como representante da Asociación de Medios en Galego e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, abordando os retos do xornalismo en galego; Daniel Ugarte, en representación da comunidade galega en Bruxelas, achegando a visión da diáspora; André Taboada falará en nome do proxecto Oliveira dos cen anos, centrado na recuperación da memoria cultural; Branca Villares representará o ámbito da música tradicional galega, destacando a súa importancia como elemento identitario. Benigno Fernández Salgado participará en representación da Universidade de Vigo, cunha análise sociolingüística do galego, e Alba Fernández Sanlés representará a REGA UK, rede de galegas e galegos no Reino Unido comprometida coa defensa da cultura propia desde o exterior.
Formas de participación no foro
A cidadanía pode participar nesta mesa e nas outras do foro de diferentes maneiras. A primeira é mediante un cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas ás diferentes áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.
Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes mesas serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles no web da institución. Deste modo, poderanse ver intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, terá lugar un foro aberto á cidadanía, no que se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.



