A novena edición do encontro musical No bico un cantar chega á vila de Rianxo, onde naceu en 1886 Afonso Daniel Rodríguez Castelao para honrar a súa memoria. A actividade comeza pola mañá coa chegada dos nenos e nenas desde diferentes puntos de Galicia para os ensaios previos, nunha xornada de convivencia que contará con diferentes actividades lúdicas que acompañan os ensaios, os únicos que realizan todos xuntos, xa que ao longo do ano fano nos seus respectivos centros. Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o concerto na praza de Rafael Dieste (en caso de que a situación meteorolóxica o impida trasladarase ao pavillón municipal José M. Abuin “Chema”). Maximino Zumalave volve poñerse á fronte deste concerto que contará outro ano máis coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Pablo Fernández Guzmán (trompa convidado). No recital participarán alumnas e alumnos dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participa tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exercerá de mantedora do acto.
O programa
O repertorio homenaxea a figura de Castelao cun programa moi coñecido e popular que nos fala de literatura, de música, de mar e de emigración. Arranca con "Galliard Battaglia", unha peza barroca para instrumentos de vento, representativa da música alemá temperá pola tradición renacentista. A primeira canción é “Bicos do mar”, con letra de Xesús Frieiro Dourado e música de Anxo Romero, que inclúe a gabanza á vila mariñeira lembrada con saudade desde América. Séguelle “Lela”, o pranto pola fermosa Lela de Os vellos non deben de namorarse escrito por Castelao. A vida de Xesús Frieiro, alcumado Pinciñas, estivo marcada por idas e voltas á Arxentina. Foi alí onde coñeceu a Anxo Romero, que formaba parte do Coro Castelao, e entre os dous compuxeron a canción “Ondiñas da nosa ría. A rianxeira”, que tamén se interpreta no programa.
Despois dunha fanfarria, terá lugar canción que se estrea nesta edición. Trátase de “Daniel”, con música composta por José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita —colaborador de Castelao— escrito desde a amizade e a emigración. “É unha melodía moi cantable, que está pensada para que os nenos e nenas que participan na actividade se poidan lucir”, en palabras do compositor. O concerto rematará, como é habitual, co “Maio longo” de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.
No bico un cantar
No bico un cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018), a tradición musical da raia (Tui, 2019) e en 2024, tras a parada obrigada pola COVID, recuperouse esta actividade coa homenaxe á xeración Nós, que tivo lugar en Ribadavia.