A xornada titulada “Acceso á cultura e interseccionalidade” conta con catro mesas de traballo simultáneas, concibidas como espazos de diálogo e reflexión colectiva arredor das desigualdades interseccionais que atravesan os corpos, as realidades e as loitas dos diversos colectivos participantes. Desde o ámbito da creación artesanal e a inclusión, Xavier Rey Feijoo do Taller Daulloa, impulsa procesos formativos e expresivos no rural a través da cerámica, mentres que Cristina Alonso, desde COGAMI Lugo, traballa polo recoñecemento dos dereitos das persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras sociais. Aitana García Lage, da Federación Autismo Galicia, contribúe co seu labor de defensa da neurodiversidade e apoio ás familias, mentres que Patricia Vázquez Carballal, referente da delegación de Lugo de Saúde Mental FEAFES Galicia, achega unha visión comunitaria da saúde mental centrada na dignidade e no coidado mutuo. Desde o eido da diversidade funcional, Francisco Farnés Caminero representa á ONCE en Lugo, promovendo a igualdade de oportunidades e a accesibilidade universal. Tamén estarán presentes Adilenys Trujillo Yáñez e Aleida Naval Santos, integrantes de SINTRAHOCU, que dan voz ás traballadoras do fogar e dos coidados, facendo visibles as súas demandas laborais e sociais. Irene Jiménez Cortiñas participa en representación do Secretariado Xitano, entidade comprometida coa loita contra a discriminación e coa promoción da inclusión real do pobo xitano desde unha perspectiva intercultural. A diversidade cultural tamén estará representada por Ana Bereciartúa, da Asociación Rioplatenses, que achega a mirada das migracións desde o cono sur latinoamericano e promove espazos de encontro entre culturas. Desde o voluntariado, Leonardo Casado participa en nome de ACCEM A Coruña, entidade que acompaña a persoas refuxiadas e migrantes nos seus procesos de integración, sempre desde un enfoque de dereitos humanos. Finalmente, Noelia Gómez, da Plataforma Diversa Infantil, centrará a súa intervención na importancia de traballar pola inclusión da diversidade sexual e familiar na infancia, a través de accións pedagóxicas e comunitarias.
A sesión inclúe unha visita ao pazo que acolle o evento, poñendo o foco na mirada interseccional como ferramenta de análise e recoñecemento das múltiples desigualdades. Esta visita pretende ser un exercicio simbólico e práctico de recoñecemento dos espazos e das memorias que os habitan.
Tralas diferentes mesas celebrarase un debate conxunto no que as Sergio Marey, Isabel Fernández, Ruth Sousa e Fran Quiroga darán forma ás conclusións emerxentes do proceso de traballo compartido. Como peche da xornada, a compañía Experimenta Danza presentará “Non me toques o segredo”, unha creación escénica que afonda nas feridas invisibles das desigualdades interseccionais. A través da danza, o corpo emerxe como lugar de memoria, resistencia e revelación, ofrecendo unha experiencia sensorial e reflexiva. O encontro rematará cun xantar comunitario.
Cinco citas para abordar a situación das políticas públicas
O pasado 26 de marzo tivo lugar no Pazo de Goiáns (Boiro) a primeira das xornadas dun ciclo que presta atención ao catro dereitos que deben atender as políticas públicas: participación, territorio, acceso e a comunicación máis a interseccionalidade. A primeira das cita abordou a participación cidadá en cultura, onde as persoas exercen o seu dereito a facer cultura e non só a consumila. Aquela xornada foi coordinada por Alberto García, e tivo como mediadoras a Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Nela expuxéronse seis proxectos participativos como son Castelo Conta, o Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, O Festival internacional de outono de Carballo, Escora Danza, e Pasabodeghas. Serviron de exemplo para coñecer como se canaliza a participación da cidadanía. A segunda xornada levounos á Casa Vella en Allariz, baixo a coordinación de Roberto Pascual, para coñecer sete experiencias realizadas nas comarcas do interior de Galicia, especialmente afectadas polo despoboamento, o abandono, a problemática medioambiental e o empobrecemento do territorio. Na terceira, celebrada o 21 de maio enen Soutomaior, coñecéronse como se comunican os proxectos culturais a partir das experiencias de oito proxectos que se desenvolven na provincia de Pontevedra. Tralas catro xornadas de recollida de información haberá unha sesión cun debate final co que se elaborará un informe que se dará a coñecer no outono.
Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
Este ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade que realiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que coordina Paula Cabaleiro e que está conformada por Xavier Campos, Uxía Caride, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Sergio Lago, Agar Ledo, Marcos Lorenzo e Roberto Pascual.