----

A institución participou na creación do Consello de Transferencia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, participou este luns na constitución oficial do Consello de Transferencia, un órgano chamado a canalizar, fortalecer e facer máis bidireccional a conexión entre o coñecemento xerado no centro e os retos da contorna. O acto, celebrado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, contou coa participación da presidenta, do equipo directivo do centro e os representnates da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, da Fundación Juana de Vega, da Caixa Rural Galega, da Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia), da Fundación RIA e do Consello Económico e Social de Galicia.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, subliñou a vontade da institución de acompañar e visibilizar o ámbito científico e académico, xa que “reforza todo o ecosistema cultural e forma parte das responsabilidades que o CCG atende”.

O acto rematou cunha visita ás instalacións do CISPAC na que as asistentes puideron coñecer os proxectos en marcha e o funcionamento do centro. O Consello de Transferencia nace con 7 entidades pero a vontade é consolidar un órgano estable con representación de 15 institucións.