----

Asinado un convenio para desenvolver accións co concello de Ribeira

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o alcalde do concello de Ribeira, Luis Antonio Pérez Barral, asinaron este xoves un protocolo de colaboración para a realización de actividades conxuntas. Esta colaboración institucional facilitará a realización de actividades relacionadas co patrimonio marítimo e coa memoria democrática. No acto estiveron tamén estiveron presentes o tenente de alcalde Vicente Mariño de Bricio e o xerente do CCG, Marcelino Fernández.

A presidenta do CCG salientou que a cultura non só é humanística, tamén científica, tecnolóxica: «É un dereito para todas as persoas». Referiuse á cultura mariñeira e ao patrimonio material e inmaterial da costa indicando que posiblemente sexa un dos que están máis en risco. A presidenta preguntouse onde está o patrimonio industrial construído en Galicia no século XVII. Mentres que Pérez Barral agradeceu a boa disposición de Rosario Álvarez para que «Ribeira poda acoller actividades culturais de primeiro nivel». Destacou que o goberno local quere potenciar a lingua galega e «facilitar xornadas formativas dirixidas a toda a veciñanza, independentemente da súa idade ou formación». Ademais da sinatura do convenio, a presidenta tamén asinou no Libro de Honra do concello.

Primeira actividade
«Queremos comezar esta colaboración cunha xornada de cultura marítima o vindeiro 3 de xullo» explicou Rosario Álvarez, que avanzou que esta actividade estará dedicada aos oficios no mar, poñendo o foco nos carpinteiros de ribeira, nos redeiros e redeiras.