----

Unha xornada aborda o auxe do extremismo e a manipulación informativa

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega que coordina Celia Pereira, celebra este xoves (9:45 horas) a xornada titulada "Votar ao inimigo", unha proposta de análise e debate sobre os fenómenos sociais e culturais que están a favorecer o avance das posicións extremistas e autoritarias no marco democrático actual. Jesús Ceberio, ex director de EL País, Carme Adán, Leonor Parcero e Montse Fajardo participan neste encontro que afondará na polarización política, no papel da ultradereita nas aulas, a desinformación e o uso propagandístico da historia.

O xornalista e exdirector de El País, Jesús Ceberio, abre a sesión cun relatorio sobre unha sociedade en polarización extrema. A presentación correrá a cargo de Francisco Castro, editor, escritor, músico e membro da sección. De seguido, Carme Adán, docente e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, falará sobre a presenza e avance da ultradereita nas aulas de secundaria. A terceira intervención corre a cargo de Leonor Parcero, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e comunicadora científica, quen abordará as fake news. Será presentada por Antonio Fernández Seoane, profesor de Filosofía no ensino secundario e membro da Sección de Pensamento. A xornada continúa pola tarde con Montse Fajardo, xornalista e escritora, centrará a súa intervención en divulgar o mal e nos mecanismos de adoutrinamento no fascismo. A presentación estará a cargo de Ricardo Fandiño, especialista en psicoloxía clínica e membro da Sección de Pensamento.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Francisco Xose Fernandez Naval, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.