Fondo Miguel Gutiérrez
O Fondo Miguel Gutiérrez que se pon en rede recolle propaganda e publicidade política datada entre o final do franquismo e a década do 2000. Inclúe panfletos, pósteres, carteis, adhesivos, pasquíns, chapas, publicacións, fanzines, vinilos, chaveiros e mercadotecnia variada relacionados coa politíca galega e do resto do Estado español. “É un material diverso visualmente, de diferente natureza pero especialmente interesante que permite recoller unha historia de base, de comunidade e de como se foron construíndo os valores democráticos e as pautas de convivencia nunha época tan relevante” apunta Emilio Grandío. No fondo aparecen os grandes artistas da época, pero tamén hai moito traballo anónimo e clandestino. “A colección comezou no ano 1976, cando tiña só 13 anos” apunta o coruñés Miguel Gutiérrez que foi recollendo carteis e pasquíns nas rúas ata xuntar este fondo de propaganda política. “A día de hoxe, sigo incorporando materiais, aínda que non se trata dunha colección estritamente sistemática. O seu valor reside, sobre todo, na dimensión histórica e cultural que posúe” afirma Gutiérrez.
Desde 2023, o Consello da Cultura Galega contribúe a visibilización deste fondo a través dun convenio de colaboración co grupo de investigación HISPONA. Naquel ano iniciouse o acceso público dunha parte destes materiais, ademais de dedicarlle unha sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) que promove a sección de Patrimonio e Bens Culturais. Pretendía dar a coñecer máis sobre o patrimonio cultural xerado durante o período histórico da Transición e a consolidación democrática. Ademais, a dixitalización e posta na rede dese material intégrase dentro dunha liña de traballo prioritaria do CCG que busca afondar na memoria da Transición galega.

