A xornada “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” comezará no salón de actos do CCG ás 16.30 horas coa presentación de relatorios a cargo de Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, Ramón Varela, da Asociación Alingua e Iria Liñares, vicepresidenta do Consello de estudantado da USC, ás que seguirán as intervencións do público e un segundo diálogo coa participación de Esther Martínez, presidenta da Federación de Ampas Compostela, Lucía Rodríguez, vogal da Asociación Veciñal A Xuntanza (Santiago de Compostela), Francisco Javier León Jiménez, técnico de Discriminación programa IgualTrato, da Fundación Secretariado Xitano en Galicia, representantes da comunidade do movemento ensaia, Lucía Santiago, sobre Galego, crenzas e feminismos e Xulio Abollo, responsable de comunicación da asociación “Dano Cerebral Santiago de Compostela”.
A xornada promoverá “a busca de novas ideas para impulsar a utilización da lingua nos diferentes movementos sociais, redes de apoio, colectivos culturais e noutros contextos como a fe e a tradición”, indican os organizadores. Entre os obxectivos da xornada é “o deseño de accións que promovan o galego como lingua de cohesión social e participación cidadá, asegurando a súa presenza en todos os espazos onde a sociedade se organiza e relaciona como colectividade”.
Aínda que este é o último dos encontros temáticos de ‘Un país coa súa lingua. Foro participativo’, en outubro celébrarase unha xornada de conclusións a partir das achegas das diferentes mesas e foros celebrados ao longo do ano.


