En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Faustino Rey Romero (Rianxo, 1921 – Bos Aires, 1971) e Baldomero Isorna Casal (Catoira, 1916 – Madrid, 1986). Foron dous poetas e activistas culturais que fundaron o Ateneo do Ullán e a Romaría Viquinga de Catoira, ademais de publicar poesía, artigos de prensa e participar na vida intelecutal e cultural do país, Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.
Baldomero Isorna comezou a estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Estudos que aprazou cando foi recrutado para combater na Guerra Civil, que o deixou con feridas que arrastrou ao longo do resto da súa vida. Continuou a súa formación en Alemaña, desde onde escribiu misivas dispoñibles na entrada do Álbum, e tras voltar a España, instalouse unha tempada en Madrid, onde comezou a frecuentar círculos culturais como o Centro Galego de Madrid ou o Café Gijón. Alí coñeceu a intelectuais como Camilo José Cela, con quen establecería unha fonda amizade, Celso Emilio Ferreiro, Otero Besteiro, o xornalista Joaquín Merino ou Maruxa Mallo. Nesa época, comezou a publicar poemas e colaborar con medios como ABC ou xornais galegos como Faro de Vigo.
Faustino Rey, pola súa banda, era sacerdote, poeta e teólogo cunha marcada ideoloxía progresista. Naceu na parroquia de Isorna, e a diferencia de Baldomero, tivo unha educación fondamente relixiosa. Pasou varios anos no convento dos franciscanos de Herbón, e seguiu formándose no convento de Santiago de Compostela e nos seminarios de Ourense e Tui. Con todo, auto definíase como “crego anticlerical”, opúñase ao celibato dos curas, ao franquismo e á xerarquía eclesiástica. O que lle supuxo problemas coa institución e ser recluído durante un mes no convento do Carme de Padrón e posteriormente ser destinado a Bos Aires. Nesa época era coñecido polos seus poemas e cancións, algúns dos cales se poden consultar na entrada do Álbum, e foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e membro da Sociedade Mariolóxica Mater Ecclesiae de Braga e do Colexio Heráldico de Bos Aires. Ao longo da súa vida publicou obras de poesía, ensaios, escritos teolóxicos e colaborou con xornais como o Faro de Vigo.
En 1961, os dous autores xunto con outros homes de letras no Ulla, decidiron crear o Ateneo do Ullán, que tiña a Rey Romero como director. Ao ano seguinte os membros de dita asociación representaron o desembarco do rei viquingo “Ulfo o galego” nas Torres do Oeste, co propio Rey Romero no papel de bispo Cresconio, seguido dun xantar; unha representación que se comezou a repetir os anos seguintes e que deu lugar á Romaría Viquinga de Catoira. Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2002.
Ambos poetas recibiron numerosas homanaxes ao longo da súa vida da man de diversas institucións e recibiron unha medalla de ouro a título póstumo polo Concello de Catoira.