----

Presentado un documental que afonda no histórico programa de radio Sempre en Galicia

Tal día como hoxe, pero de 1950, arrincaba en Montevideo a primeira emisión do programa de radio Sempre en Galicia. Setenta e cinco anos despois daquel fito, o director Xan Leira presentou no Consello da Cultura Galega (CCG) o documental Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración que recupera a historia deste programa de radio que continúa en emisión. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; máis catro dos participantes no filme: Mónica Rebolo, Manuel Suárez, Carlos Sixirei e Yolanda Díaz Gallego xunto co autor presentaron este proxecto que se estreará no vindeiro mes de outono tanto en Galicia como en Uruguay.

“É unha homneaxe a un programa que leva 75 anos emitindo en galego, aos seus fundadores e colaboradores pero tamén un recoñecemento a esa sociedade democrática e tolerante que aceptou o galego nas súas emisións radiofónicas” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez. Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou os 75 anos ininterrompidos de emisión que cualificou como “un fito milagroso que, ademáis, aínda segue a ser atractivo”. A día de hoxe, explicou o director do filme, Xan Leira, é o segundo programa de radio máis escoitado de Uruguai na súa franxa horaria. O presidente do padroado de Cultura Gallega de Montevideo, José Piñeiro, e o actual director do programa, Antonio García de Seárez participaron no acto cunha intervención gravada. O acto rematou cun coloquio no que participaron Mónica Rebolo, Manuel Suárez, Carlos Sixirei e Yolanda Díaz Gallego.