----

O empresario Fidel Isla Couto entra no Álbum de Galicia

“Foi un home dotado dun excepcional talento empresarial e comercial que puxo ao servizo da prosperidade de Galicia” asegura o historiador Xosé Luís Pastoriza sobre Fidel Isla Couto (Cambados, 1902-Vigo, 1989). O empresario incorpórase hoxe ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG).

Esta nova entrega do Álbum de Galicia achégase a unha figura na que “converxen tres das familias emprendedoras da Galicia do século XX: Fernández López, Isla Couto e Serrats”, en palabras do autor da entrada. A biografía destaca que súa infancia transitou entre Cambados, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela. Foi o terceiro de nove fillos e estivo sempre moi próximo ao irmán maior, Ramiro, que o levou a Ferrol, onde aproveitaría para facer o servizo militar antes de trasladarse a Vigo onde destacou polo seu carácter emprendedor en sectores estratéxicos como a construción, a química e a alimentación.

No ámbito empresarial, a entrada destaca que Fidel foi “un dos homes de confianza nas iniciativas empresariais dos irmáns Fernández López como Zeltia (1939), Cementos del Noroeste (1957), Cooper Zeltia (1964) ou Calizas y Fertilizantes del Noroeste (calfensa) (1966)” e a súa implicación na “creación doutras industrias destacadas como Galaica de Materiales de Construcción (gamasa) (1957) ou Prebetong (1966)”. Irmán de dous militantes do galeguismo político e cultural como Ramiro e Xaime, a entrada tamén pon o foco no papel da contribución económica a iniciativas culturais do galeguismo. Participou na creación o Seminario de Estudos Galegos entre 1932-1934 e foi un dos accionistas fundadores da Editorial Galaxia (1950). Desde Zeltia promoveu, en colaboración con Ismael Sierra Franco e coa Editorial Galaxia, a publicación do Almanaque Agrícola ZZ, a primeira publicación comercial en lingua galega distribuída de forma gratuíta e masiva”.

A través da súa biografía tamén se poden ver as consecuencias que a Guerra Civil e a represión posterior tiveron tanto no seu labor empresarial e cultural, da súa familia, como no das familias vencelladas ás diferentes empresas na que traballou.

A entrada incorpora numerosas fotografías, artigos e estudos sobre Fidel Isla que foron cedidas pola súa filla, Blanca Isla.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as de Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Roberto Vidal Bolaño, María Luisa Iglesias Losada e Prudencia Piñeiro. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.