----

Presentadas as XVIII Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño” que homenaxean a mestra Andrea López Chao

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación das XVIII Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño”, que poñen o foco na figura de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954), destacada mestra do galeguismo na emigración. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, subliñou que “Andrea foi muller, docente, emigrante, militou no asociacionismo, feminista... constantes que nos convocan constantemente”. Pola súa parte, Isabel Martínez, subdirectora xeral de Relacións coas Comunidades Galegas da Xunta, puxo o énfase en que foi “un referente e unha pioneira no compromiso social coas mulleres”. Tamén interviñeron Alberto García, concelleiro de Cultura de Mondoñedo, e Luís Fernández Ansedes, membro da asociación Abrindo Camiño, quen destacaron a importancia das actividades que se desenvolverán o vindeiro día 15 en Mondoñedo. Ademais da presentación do documental sobre a súa figura, da man dos seus directores Violeta Ramos e Daniel Vázquez, estivo presente a bisneta da homenaxeada, Patricia Ares.

Andrea López Chao no Álbum de Galicia

Mondoñedo acollerá o vindeiro luns unha programación que inclúe actividades pensadas para todas as idades, entre as que destacan unha romaría popular con xogos tradicionais, un torneo da chave, degustacións gastronómicas e actuacións musicais. Tamén se contará coa presenza da foodtruck de Galicia Sabe Amar, que ofrecerá produtos do mar galego.

Ás 19:00 horas terá lugar o acto institucional de inauguración da rúa Andrea López Chao, no que está previsto o descubrimento dunha placa por parte do alcalde, Manuel Otero, acompañado pola tenente de alcalde, Ángeles Rodríguez, a deputada Elena Candia e a bisneta da homenaxeada, Patricia Ares Muzio.

Posteriormente, un pasarrúas conducirá o público ata o Auditorio Pascual Veiga, onde se celebrará o acto central da homenaxe, con intervencións de representantes institucionais e culturais, así como de familiares e investigadores da traxectoria de Andrea López Chao.

Tras as intervencións terá lugar a preestrea do documental “Andrea López Chao: O legado dunha mestra galega en Cuba”, dirixido por Violeta Ramos e Daniel Vázquez Vila e producido por Animatium. Trátase dunha mediometraxe de 47 minutos de duración que percorre a súa biografía a través dos testemuños de Antonio Reigosa, Arantxa Fernández Crespo, Carmen Casado Álvarez, Daniel Manuel Vázquez Vila, Fernando López González, José Luís Fernández Ansedes, Julio César González Pagés, María Xosé Porteiro, Patricia Ares Muzio e Zaida Capote Cruz.

Andrea López Chao
Naceu en Mondoñedo en 1874 e exerceu como mestra en diversas escolas rurais da zona —como Paradavella, Lindín, Couboeira e Viloalle— antes de emigrar a Cuba en 1904, tras quedar viúva. Alí continuou a súa dedicación á docencia como directora e profesora no Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana.

Ademais, foi unha figura destacada na comunidade galega emigrada en Cuba: converteuse na primeira muller en ocupar a vicepresidencia da sociedade Hijas de Galicia (fundada en 1917 para apoiar ás mulleres emigrantes en situación de vulnerabilidade) e participou activamente na creación dun sanatorio —e posteriormente dun hospital e balneario— en beneficio destas mulleres.

Andrea López Chao foi unha mestra mindoniense que, tras emigrar a Cuba, dedicou a súa vida tanto á docencia como á defensa dos dereitos e da asistencia das mulleres galegas emigradas. A súa biografía pode consultarse no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do CCG, elaborada por Prudencio Viveiro.