Logo de abordar en 2020 o concepto de liberdade e de abrir en 2022 un diálogo arredor das Sophias, o festival de filosofía regresa con vontade de crear un espazo aberto, interdisciplinar e participativo. A filosofía compartirá escenario coa música e coa poesía, para pensar colectivamente sen censura nin prexuízos sobre un tema que continúa a interpelar a sociedade contemporánea. Este evento bienal reafírmase como un encontro de referencia que busca achegar a reflexión filosófica ao debate público e social, abrindo o pensamento ao diálogo con outras disciplinas e que este ano pretende ser nun convite a reflexionar sobre identidade, poder, amor, humor e pracer desde a liberdade crítica.
O festival desenvólvese no centro sociocultural Maruxa e Coralia, agás o espectáculo teatral Desexo, a cargo de Talía Teatro, coa que se pecha esta edición que será no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que conta cunha inscrición independente.
Programa
O festival abrirase cunha conferencia do filósofo e ensaísta Carlos Fernández Liria, profesor titular de Filosofía na Universidad Complutense de Madrid, recoñecido polo seu traballo arredor da teoría política, a educación e a relación entre filosofía e vida cotiá. O seu pensamento crítico e divulgativo ofrece unha perspectiva singular para comprender o lugar do amor e do desexo na tradición filosófica e na idea de liberdade. Na súa intervención reflexión sobre o que significa amor na expresión “facer o amor”, para comprobar como o amor nos conecta con temas máis importantes da filosofía.
A xornada inaugural completarase cun concerto de Meiga-i, proxecto musical que combina narración, canción e poesía para falar de diversidade sexual, prexuízos, memoria e comunidade. A súa proposta artística mestura compromiso social e forza expresiva, cunha mensaxe de liberdade e aceptación.
O programa do sábado abrirá cunha conferencia da xornalista e investigadora Elena Lázaro Real, doutora en Historia e especialista en divulgación científica, que afondará na figura de Hildegart Rodríguez Carballeira. Precursora do pensamento feminista e da divulgación sobre saúde sexual e reprodutiva na España dos anos vinte e trinta, Hildegart deixou unha obra clave para entender o debate arredor do corpo, a sexualidade e a emancipación feminina no seu tempo. Na sesión analiza a súa figura e o contexto histórico no que situou. Séguelle un recital de poesía erótica protagonizado por voces novas da literatura galega: Andrea F. Maneiro, Diana Kurich e Clara Vidal, todas elas gañadoras do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. A súa palabra poética, acompañada de música, servirá de clausura a un encontro que reivindica a forza da linguaxe e da arte para interrogar o pracer, a identidade e a liberdade.
A compañía Talía Teatro porá peche ao festival coa posta en escena no CGAC de deseXo un espectáculo de nova creación que parte da pregunta de cómo afecta a pornografía ás nosas vidas. A proposta está concibida como unha reflexión en ton cómico sobre a ausencia xeneralizada da formación sexual na nosa comunidade, tanto no ámbito doméstico como no marco formativo regrado, e a súa substitución polo que se aprende na pornografía e nas redes sociais, coa consecuente aparición de malos hábitos, frustracións, estereotipos sexistas e unha excesiva presión á hora de manter relacións afectivo-sexuais. Ao remate, haberá un coloquio con Bárbara Penas, sexóloga e asesora do espectáculo.

