Son medio centenar de documentos de diferente tipo que permiten reconstruír o nacemento e evolución desta sociedade de emigrantes fundada en La Habana o 13 de abril de 1913. Entre as iniciativas que financiou destacan o acondicionamento do Campo de San Pedro en 1914 como lugar de encontro veciñal, a reparación do adro e do cemiterio de San Salvador de Lanzós e, sobre todo, a construción da súa casa-escola, inaugurada en 1920. O edificio, que continúa hoxe en pé como centro sociocultural, acolleu aulas de ensino primario, a vivenda do mestre e un salón de actos que serviu de sede ao Sindicato Agrario de Lanzós, entidade que tamén recibiu apoio económico da sociedade habaneira para levantar o seu propio local social.
O compromiso coa instrución chegou tamén a parroquias veciñas, como Santa María de Tardade, onde en 1917 contribuíron á construción dunha escola en Lameirós. Ademais, a entidade apoiou obras clave para o progreso económico da comarca, como a mellora das estradas de Ferreira e Ramil ou a posta en marcha dunha granxa agrícola destinada a introducir novos métodos de cultivo.
O especial explica que coa chegada da República, as mudanzas lexislativas en educación, a crise cubana e a perda de socios obrigaron a arrendar parte do edificio ao concello de Vilalba, co compromiso de manter o seu uso educativo, unha decisión que xerou debates internos e forte correspondencia cos veciños.
Nos anos 40, como moitas sociedades da emigración, “Progreso de Lanzós” reconduciu o seu labor, deixando en segundo plano a instrución na terra natal para centrarse na protección dos seus asociados e na organización de actividades recreativas. Desde entón pasou a chamarse «Progreso de Lanzós. Sociedad de Beneficencia y Protección».
O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación da sociedade lucense El valle del oro, Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.



