NOTICIA

----

Expertos advirten que o marisqueo acabará converténdose nunha actividade simbólica

Existe unha perda de produtividade do marisqueo no noso país. Esta é a realidade que xuntou esta tarde a investigadores de diversos centros existentes en Galicia (o CIM, o iARCUS e o Centro Oceanográfico de Vigo) no marco da sesión “O marisqueo en Galicia” organizada pola Sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Alicia Estévez Toranzo coordinou esta cita na que se presentou a afectación da salinidade e da temperatura sobre os principais bivalvos (ameixa e berberecho). Ademais, demandouse un estudo global para elaborar un plan de xestión integral das especies exóticas e expuxéronse as liñas de actuación actuais sobre contaminación química e microbiana nas zonas de Aldán e a Ría de Arousa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón, xunto con Alicia Estévez, abriron a sesión que foi gravada e se pode consultar no web e na canle de YouTube da institución.

“Buscamos analizar a perda de produtividade do marisqueo en Galicia, unha tendencia que se observa desde hai anos pero que se está a intensificar de maneira notable pero desde un punto de vista científico, para non deixar lugar á desinformacion” apuntou Alicia Estévez Toranzo, coordinadora desta cita que buscaba identificar as principais causas que parecen estar detrás desta situación: a contaminación química e microbiolóxica... “sabemos que hai moitos axentes vencellados ao cambio climático como o aumento da temperatura do mar e da atmosfera, as alteracións nos patróns de vento, entre outros, sen esquecer outros factores de natureza social, dos que hoxe non falaremos, como o furtivismo e a falta de relevo xeracional”. A sesión pretendeu tamén abrir un debate sobre que se pode facer para mitigar estes impactos, polo que contou coa presenza de investigadores especializados en distintas áreas e representantes da administración.

Abriu a sesión Elsa Vázquez Otero, quen abordou cal é a “nova normalidade” dos bivalvos. Avanzou os primeiros datos dos estudos realizados desde o Centro de Investigación Mariña nos que si se establecen relacións entre os cambios de temperatura e salinidade na fauna e na flora. Efectos que van desde a mortalidade, cambios nas tallas e na cadea de interacción entre as especies. Explicou que as especies estudadas responden de maneira diferente á temperatura e á salinidade. A ameixa fina é máis tolerante ás altas temperaturas que o berberecho, mentres que a ameixa xapónica é máis tolerante aos cambios de salinidade que a ameixa babosa. De seguido, o catedrático de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Isaac Rodríguez Pereiro, avanzou as características do proxecto CALIMAR, financiado pola Consellería do Mar a través da convocatoria Rede MAR e dirixido por Carlos Pereira. No proxecto, un conxunto de grupos de investigación relacionaban a produtividade dos bancos marisqueiros co impacto de diferentes contaminantes químicos. As zonas de estudo sitúanse na ría de Arousa e na enseada de Aldán. Alí “aplicamos técnicas de cribado baseadas en espectrometría de masas que permiten identificar compostos potencialmente tóxicos tanto na auga como en mostras de bivalvos” apuntou. O enfoque é pioneiro en Galicia porque non se centra en familias concretas de compostos, senón que abrangue unha visión global dos fluxos contaminantes que proceden, principalmente, da actividade industrial, urbana e agrícola das áreas que rodean a ría. O proxecto desenvolverase en catro campañas ao longo de 2025 e 2026 e pretende determinar se existen compostos por riba de niveis tóxicos que poidan afectar á supervivencia dos moluscos e do fitoplancto.

Tamén da USC, Miguel Balado Dacosta puxo o acento na importancia da contaminación microbiolóxica. Segundo explicou, leva anos investigando os factores que favorecen que certas bacterias desenvolvan un maior potencial patóxeno, algo que pode ter consecuencias directas sobre a saúde dos bancos marisqueiros e sobre a súa produtividade.

Outro dos aspectos destacados foi o das especies exóticas invasoras, analizado polo especialista Rafael Bañón Díaz. Indicou que “en Galicia non existe un inventario oficial destas especies nin estudos sistemáticos sobre o seu impacto no marisqueo, polo que o coñecemento actual é limitado e redúcese a investigacións puntuais feitas polo interese particular dalgún investigador”. Na súa intervención explicou que algunhas foron introducidas de maneira intencional, como a ameixa xapónica, hoxe plenamente naturalizada e comercializada, mentres que outras chegaron asociadas á importación de semente mariña procedente doutras zonas, como o Mediterráneo. É o caso de gasterópodos depredadores detectados recentemente na enseada do Grove, que terían chegado nesas partidas de semente. O experto advertiu que, malia a evidencia da presenza deste tipo de especies, non existe un plan de xestión integral das especies exóticas, máis alá de actuacións puntuais de retirada, e reclamou a necesidade dun estudo global que avalíe a súa extensión e impacto sobre os ecosistemas mariños galegos.

Pola súa parte, Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), explicou as liñas de actuación da administración galega no control da calidade do medio mariño e na seguridade dos produtos do mar. Recordou que o INTECMAR, creado en 2004, constitúe un referente no control das biotoxinas mariñas e que cada ano realiza arredor de cen mil análises que abranguen desde o seguimento das condicións oceanográficas ata a vixilancia da contaminación química e microbiolóxica ou o control de patoloxías en moluscos. Este traballo baséase nunha extensa rede de puntos de mostraxe repartidos por todo o litoral galego, cun sistema de recollida de datos e información en tempo real que se publica de maneira inmediata na súa páxina web. Deste xeito, o instituto garante non só a seguridade alimentaria, senón tamén un servizo público esencial para o sector marisqueiro e para a cidadanía.