Arquivo de noticias do CCG

XXVII Encontros para a Normalización
XXVII Encontros para a Normalización
Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
Amosando noticias 1 a 20 de 3299

Especialistas propoñen repensar a educación desde a aprendizaxe cooperativa, o pluralismo e o coñecemento

A aplicación da LOMLOE, a aprendizaxe cooperativa, a carga curricular e burocrática do profesorado, a neutralidade ideolóxica nos centros e a relación entre coñecemento, pensamento crítico e igualdade de oportunidades son algúns dos aspectos que diferentes especialistas en educación abordaron no marco da Xornada “O debate na educación, onde estamos?” que organizou a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) ao longo deste xoves 22 de outubro. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, reivindicou a importancia de abrir espazos de análise que permitan abordar os problemas educativos desde unha perspectiva ampla e reforzar a comunicación coa comunidade educativa. “Na educación nos acontece un pouco isto: xa non é o momento de cambiar as regras do xogo, senón que é o momento de cambiar de xogo”, afirmou, recuperando unha reflexión da escritora Begoña Caamaño. Canda ela a coordinadora da Sección, Celia Pereira, apuntou á necesidade de ir máis alá das ferramentas e das estratexias concretas para repensar o sentido mesmo de educar e formar. As intervencións da sesión foron gravadas e pódense recuperar desde a canle de YouTube.

Ler máis

A presidenta recibe ao alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez Cruz

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu este venres o alcalde de Xenebra, o galego Alfonso Gómez Cruz, nun encontro institucional que serviu para establecer un primeiro contacto e explorar posibles vías de colaboración orientadas a reforzar os vínculos coas novas diásporas galegas. Durante a visita, o rexedor asinou no Libro de Honra da institución.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do Centro Galego de Barcelona

O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) amplía o “Proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega” coa incorporación de novos documentos do Centro Galego de Barcelona. O fondo, accesible para a consulta pública, reúne libros de actas das xuntas directivas e das asembleas xerais, estatutos, rexistros de socios e socias, libros de contabilidade e documentación da masa coral que permite trazar a vida da sociedade desde a organización e a xestión económica ata a participación dos membros e a programación cultural.

Ler máis

Unha xornada sobre a situación da educación

Cales son as características dun bo sistema educativo? Témolo ou estamos aínda lonxe? De que maneira a liberdade de cátedra contribúe a unha educación rica e plural? Que se pon en perigo cando se pretende guiar esa liberdade por sendas marcadas de “neutralidade”? Por que importa unha educación pública de calidade? Estas son algunhas das cuestións ás que pretende respostar este xoves 22 (a partir das 10:00 horas) a xornada “O debate da Educación: Onde estamos?” que propón a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), que coordina Celia Pereira. Almudena Alonso Ferreiro, Rebeca Baceiredo Pérez, Inger Enkvist, Javier Mestre Marcotegui particinan nesta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube.

Ler máis

Presentación do cupón conmemorativo de O Tío Marcos da Portela, no marco da celebración do 150 aniversario da súa aparición

O 1 de novembro, coincidindo coa data de nacemento de Valentín Lamas Carvajal, a ONCE dedicará o seu cupón ao 150 aniversario da publicación de O Tío Marcos d’a Portela, o xornal que o escritor e xornalista ourensán impulsou en 1876 e que marcou un fito fundacional na historia da prensa en galego. A iniciativa permitirá que cinco millóns e medio de cupóns leven por toda España a memoria desta publicación, pioneira na defensa da lingua e da identidade cultural galegas. A figura de Lamas Carvajal cobra un significado especial nesta conmemoración, que permite lembrar tamén a súa experiencia como persoa cega e poñer en valor unha intensa actividade literaria e xornalística dunha figura fundamental da cultura galega do século XIX. Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia; Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); David Cejudo Mayor, director da ONCE en Ourense; Afonso Vázquez-Monxardín, arqueólogo, catedrático de Lingua e Literatura Galegas e membro da Real Academia Galega; e Ana Malingre, tataraneta de Lamas Carvajal, presentaron esta mañá na delegación da ONCE en Ourense o cupón que se insire nos actos de celebración desta efeméride. O cupón estará á venda desde o xoves 22 de outubro.

Ler máis

Encontro co presidente da Deputación de Ourense

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantiveron esta mañá un encontro institucional na sede da institución provincial. A reunión, a primeira desde a toma de posesión de Vilavedra como presidenta do CCG, serviu para estreitar a relación entre ambas as institucións e explorar novas vías de colaboración, tanto en proxectos concretos como en iniciativas de carácter máis xeral.

Ler máis

Unha xornada reúne o panorama musical galego actual para analizar o papel da música na normalización da lingua

9Louro, xmaseda, O Rabelo, Laura LaMontagne, Hugo Guezeta, Grande Amore, Fátima Pego, Antía Muíño, MØU, Marta Álvarez, Faia Díaz, Mini, Xurxo Souto e Guadi Galego son algúns dos nomes que compoñen o panorama musical galego actual. Todos eles participan nos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG), que analizarán o potencial da música para conectar o galego coa mocidade e ampliar a comunidade de falantes. A xornada desenvolverase na Facultade de Ciencias da Información e poderá seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de Youtube

Ler máis

O ciclo «A cultura como refuxio» inaugúrase cunha xornada sobre cultura e reivindicacións feministas

O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura este luns 19 de outubro (a partir das 16:30 horas) o ciclo de pensamento e cultura “A cultura como refuxio” que pretende abrir un espazo de reflexión compartida arredor do papel que desempeña a cultura nun contexto contemporáneo marcado pola incerteza e as desigualdades, pero tamén pola reivindicación da identidade propia. A primeira sesión, titulada “O papel da cultura na (des)igualdade”, conta coa participación de Nuria Varela, Yolanda Domínguez e María Lapido e reflexiona sobre o papel da creación artística fronte ás desigualdades de xénero. A sesión coordinada por Uxía Caride é presencial e pode seguirse en directo no web do CCG e a canle de YouTube.

Ler máis

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora a publicación venezolana “A Irmandade”

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, os tres exemplares editados de “A Irmandade”, a revista socio-cultural da Hermandad Gallega de Venezuela publicados entre 1993 e 1994.

Ler máis

A institución acolle a grabación do programa número 500 do Proxecto Neo

Preto dunha vintena de mozos e mozas participantes no Proxecto Neo, unha iniciativa educativa e de dinamización lingüística vinculada ao IES Perdouro de Burela, converteron este mércores a biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) nun estudo de radio para gravar o seu programa número 500. O proxecto, centrado na promoción do galego e na diversidade lingüística e cultural, dá voz ás persoas neofalantes e emprega a comunicación radiofónica como ferramenta de aprendizaxe, participación e difusión da lingua.

Ler máis

“Proxector”, iniciativa de divulgación en galego, dedica unha nova entrega ás aves e ás súas viaxes

O Día das Aves, promovido por BirdLife International, e o Día das Aves Migratorias, coordinado por SEO/BirdLife, inspiran a nova entrega de Proxector, o especial de divulgación en galego impulsado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Baixo o título «As aves: o fascinante mundo dunhas intrépidas viaxeiras», reúne unha ducia de vídeos para identificar especies, descubrir os seus hábitats e coñecer mellor os seus modos de vida e os retos aos que se enfrontan.

Ler máis

Un acordo con Alingua impulsará a promoción e o uso do galego

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, e o presidente da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua), Ramón Varela, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para impulsar accións conxuntas de promoción e normalización lingüística. O acordo establece un marco de colaboración para desenvolver actividades culturais, elaborar materiais de divulgación e promover investigacións sobre a situación do galego. Entre as primeiras iniciativas figura un estudo sobre a oferta e a demanda de produtos e servizos en galego para a crianza, que terá como punto de partida un encontro o vindeiro 7 de novembro en Santiago.

Ler máis

Unha xornada aborda o papel do coleccionismo na arte contemporánea

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes 13 de outubro (a partir das 16:30 horas) a xornada “Perspectivas do coleccionismo na arte contemporánea“. O encontro, enmarcado en Aberto 2026, reunirá a José Luis Pérez Pont, María José Rodríguez e Paulo Tavares, tres voces con experiencias diferentes no ámbito artístico, para reflexionar sobre os retos do coleccionismo e a súa contribución ao desenvolvemento artístico e cultural. A presidenta de Contemporánea, Lucía Suárez, é a encargada de coordinar esta sesión presencial, que se pode seguir en directo desde o web do CCG.

Ler máis

Un libro percorre a traxectoria de Aida Fernández Ríos, figura destacada da investigación mariña desenvolta en Galicia

Aida Fernández Ríos. Da produtividade das rías á acidificación oceánica, é o título da publicación que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) lembran a traxectoria desta oceanógrafa, homenaxeada co Día da Ciencia en Galicia 2026 e que presentaron este mércores en presentaron este mércores en Vigo. “Non pretende ser unha biografía convencional nin un catálogo da súa produción científica senón ofrecer unha visión 360 grados dunha profesional que xuntou a dimensión científica e humana” en palabras do presidente da RACG, Juan Lema. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, salientou a capacidade de Aida para “manter simultaneamente a mirada sobre Galicia e sobre os grandes procesos globais, cun ollo posto nas rías galegas e outro nos océanos”. Na presentación estaba tamén Beatriz Novoa, directora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC), centro que Aida Fernández Rios foi investigadora e directora. A publicación xa está disponible para descarga desde o web do CCG.

Ler máis

Ponse en marcha o estudo sobre a lectura e publicanse os últimos datos sobre a edición

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer en marca o estudo sobre a lectura en Galicia. Na tarde deste martes a biblioteca da institución acolleu a primeira reunión de traballo á que asistiu máis dunha vintena de profesionais de ámbitos diversos relacionados coa lectura (biblioteca, asociación, narradores orais, ensino, edición, creación) que trasladaron a súa experiencia profesional e reflexión sobre a situación da lectura en galego. Ao mesmo tempo, a institución acaba de poñer en rede o último informe do Observatorio da Cultura Galega. Co título *O libro en Galicia: produción editorial, lingua e mercado* analiza a edición galega nos últimos anos e conclúe que conta cunha produción estable, cunha dimensión económica reducida e unha forte dependencia de determinados segmentos do mercado. O estudo tamén destaca que a fortaleza do sistema non reside “na dimensión industrial, senón na función cultural que cumpre dentro do ecosistema galego”.

Ler máis

Unha xornada reflexiona en San Simón sobre o futuro da Memoria Democrática

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello de Redondela, organiza este venres 2 de outubro en San Simón unha nova edición de *Seíam’eu... en San Simón*, que nesta ocasión leva por título *E agora que? O futuro da Memoria Democrática*. A xornada, coordinada por Emilio Grandío, propón un espazo de reflexión e diálogo arredor das políticas de memoria desenvolvidas en Galicia, da recuperación das vítimas e dos lugares de memoria, así como dos novos retos para a transmisión da memoria democrática, especialmente entre as xeracións máis novas. A xornada non se emite en directo pero será gravada e os vídeos subiranse ao web coporativo e á nosa canle de YouTube.

Ler máis

Só unha de cada catro entidades culturais coñece a Lei de cultura inclusiva, segundo un informe

A accesibilidade cultural non parte de cero en Galicia, pero a súa implantación aínda é parcial e desigual. Esta é unha das principais conclusións do informe “Accesibilidade cultural en Galicia. Diagnóstico das prácticas, capacidades e necesidades do sector”, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e presentado esta mañá na sede do CEGADI pola presidenta da institución, Dolores Vilavedra; o coordinador do documento, Häkan Casares, e mais o presidente do CERMI, Ramón Sestayo. Segundo o estudo, a accesibilidade física é a medida máis estendida, mentres que a comunicación accesible, os formatos adaptados, os protocolos internos e a inclusión laboral teñen unha presenza menor. Tamén sinala que as entidades demandan financiamento, pero tamén asistencia técnica, formación e recursos prácticos para converter as actuacións puntuais nunha accesibilidade máis transversal.

Ler máis

Textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño incorpóranse ao proxecto “Seara”

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño. Conta tamén cunha remodelación do seu deseño que facilita o acceso aos contidos e posibilita a lectura comparada.

Ler máis

A institución acolle a homenaxe a Francisco Redondo Abal, investigador comprometido na recuperación da memoria histórica

A presentación do libro Un demócrata fronte á barbarie fascista: vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa, republicano galeguista (1902-1940), de Francisco Xavier Redondo Abal (Pontevedra, 1964 - Santiago, 2026), converterase nun acto de homenaxe e lembranza ao seu autor, finado o pasado mes de febreiro. O encontro, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (martes 29, 18:30 horas), reunirá amizades, comunidade académica e universitaria para reivindicar a figura e o legado dun investigador profundamente comprometido coa recuperación da memoria histórica de Galicia.

Ler máis

O ciclo “Mulleres, Patrimonios, Sociedade” leva a Vigo dúas xornadas de cinema, memoria e creación feminista

O ciclo “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”, impulsado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Camões - Instituto da Cooperação e da Língua, I.P. , celebra este venres e sábado en Vigo a súa oitava edición. O programa que, emprega o cinema como espazo de encontro entre Galicia e Portugal explorando as relacións entre mulleres, patrimonio, memoria e territorio, contará coa estrea de Crías, de Xiana do Teixeiro, un obradoiro coa directora e as proxeccións de Cienfuegos, 1913, de Margarita Ledo, e Mulheres, Terra, Revolução, de Rita Calvário e Cecília Honório.

Ler máis