NOTICIA

----

Un libro repasa a traxectoria profesional e vital de Fernando Calvet, homenaxeado co Día da Ciencia en Galicia 2025

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias presentaron esta mañá o volume “Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia”. Fixérono na Facultade de Química da USC, onde Calvet foir profeso e coa presenza do presidente da RAGC, Juan Lema; da secretaria do CCG, Elena Vázquez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; e o vicedecano da Facultade de Química, Pedro Rodríguez.

A presidenta do CCG destaca no limiar do libro que Calvet foi “unha figura excepcional en tempos excepcionais, comprometido co coñecemento e a súa transferencia á industria, convencido da capacidade da ciencia para transformar un territorio e mellorar a vida da comunidade”; mentres que o presidente da RAGC refírese ao homenaxeado como “un espírito moderno, que simboliza unha Galicia posible: científica, cosmopolita, solidaria, industrial e libre”.

O libro inclúe artigos de Ricardo Gurriarán, doutor en Historia Contemporánea pola USC; Joan Cuscó, profesor da Universitat de Barcelona; os académicos da RAGC Manuel Freire e Luís Castedo; os membros da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros e Manuel Puga; o presidente de Zelnova e do Grupo Zendal, Pedro Fernández; Xosé L. Pastoriza, doutor en Filosofía da USC; e a xerente de Bioga, Loli Pereiro.
No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron varios dos autores da publicación, destinada a valorar o traballo e o impacto de Fernando Calvet no desenvolvemento da química en Galicia e na súa aplicación á industria. Estiveron Pedro Merino, Manuel Freire e Francisco Díaz-Fierros.

Científico comprometido
No libro ponse de relevo que as actividades de Fernando Calvet non se limitaron ao campo científico-tecnolóxico, senón que tamén se mergullou na sociedade galega e mesmo mantivo unha certa actividade política. Así, ademais de ser socio protector e colaborador económico no mantemento do Seminario de Estudos Galegos, actuou como representante catalán no Consello Galego de Galeuzca, foi un dos asinantes do manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1933 e participou na redacción do Estatuto da Universidade de Santiago de Compostela.

O coordinador da obra, Pedro Merino, asegura que “Calvet foi un científico nacido en Cataluña, quen, malia desenvolver tan só unha pequena parte da súa vida en Galicia —pois chegou procedente da Universitat de Barcelona en 1929, con tan só 26 anos, e marchou quince anos despois—, deixou unha fonda pegada na nosa sociedade polo seu impulso á investigación química na Universidade de Santiago e polo seu papel decisivo na creación dunha industria química e farmacéutica galega, a pesar dos angustiosos momentos que tivo que vivir debido á Guerra Civil e á posguerra”. Merino lembra que, como catedrático de Química Orgánica e Bioquímica da USC, promoveu a montaxe dun laboratorio na Facultade de Ciencias da universidade compostelá e, coa axuda dun pequeno equipo de colaboradores, comezaron a facerse en Galicia as primeiras sínteses de produtos orgánicos con métodos e teorías que estaban á altura dos mellores centros de investigación europeos.

Pedro Fernández, presidente do Grupo Zendal: “Galicia non sería o que é no mapa biofarmacéutico europeo sen a súa audacia e empeño por industrializar a ciencia”. No tempo que viviu en Galicia, Calvet compaxinou o seu labor docente coa súa actividade investigadora no Instituto Bioquímico Miguel Servet e, posteriormente, en 1939, como un dos impulsores e director científico da empresa Zeltia. Tal como destaca no libro o presidente do Grupo Zendal, Pedro Fernández, “Calvet non só foi un científico brillante; foi un visionario que entendeu antes que ninguén que o coñecemento aplicado podía ser motor de desenvolvemento para unha terra con talento, pero sen estruturas. Hoxe, cando empresas como Zendal lideran o panorama biofarmacéutico internacional desde Galicia, a súa figura emerxe con máis forza que nunca: foi el quen puxo a primeira pedra”.

Fernández incide no feito de que, nun tempo en que o termo «biotecnoloxía» apenas se coñecía, Calvet xa utilizaba derivados orgánicos na creación de solucións sanitarias. “O seu legado non só foi empresarial, senón tamén humano: xerou comunidade científica, impulsou redes e dotou de sentido estratéxico a presenza de Galicia no mapa nacional da investigación. Galicia non sería o que é no mapa biofarmacéutico europeo sen a súa audacia e o seu empeño por industrializar a ciencia”, salienta o presidente de Zendal.


*Nota elaborada polo gabinete de comunicación da Real Academia Galega de Ciencias.