NOTICIA

----

A entrega de “Proxector” xunta vídeos didácticos sobre investigación química aplicada

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de publicar unha nova entrega do especial “Proxector”, iniciativa de divulgación que ambas as institucións impulsan para achegar á cidadanía galega recursos didácticos de calidade en lingua galega. Na véspera da celebración do Día da Ciencia en Galicia, o monográfico leva por título “A investigación química aplicada ao desenvolvemento industrial”, e pon o foco na contribución da química á innovación tecnolóxica e ao progreso económico sostible.

A entrega deste mes inspírase na figura de Fernando Calvet i Prats (1903–1988), escollido pola Real Academia Galega de Ciencias como Científico Galego do Ano 2025. Calvet, pioneiro da bioquímica moderna en España e impulsor da química orgánica en Galicia, foi tamén un dos primeiros investigadores en aplicar a química ao desenvolvemento industrial, un ámbito que segue a ser esencial para a competitividade e a sustentabilidade das empresas galegas.

A través dunha ducia de recursos audiovisuais, reportaxes e materiais didácticos, o especial convida a descubrir tanto a traxectoria de Calvet como os avances actuais da química aplicada desenvolvidos na USC. Os contidos abranguen desde o deseño de novos materiais sostibles e bioplásticos biodegradables, ata aplicacións da biotecnoloxía no rural, tecnoloxías para o tratamento de augas ou vehículos propulsados por hidróxeno, entre outros exemplos de investigación con impacto real na sociedade.

Entre as pezas incluídas destacan vídeos elaborados por investigadores e investigadoras do CiQUS e do CRETUS, así como traballos premiados en certames de divulgación científica organizados pola USC e as súas comisións de normalización lingüística.

“Proxector”
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.