No encontro presentarase o informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega que analiza en detalle a situación actual destes servizos e equipos. Os resultados foron obtidos a partir de dous cuestionarios enviados aos servizos e aos equipos. O estudo permitirá facer balance do traballo realizado ata o momento e identificar os retos que se presentan de cara ao futuro. A sesión abrirase cun relatorio a cargo de Håkan Casares Berg (Observatorio da Cultura Galega) e Ana Iglesias Álvarez (Comisión Técnica do CDSG), que presentarán a metodoloxía e mais os principais resultados do mencionado estudo estatístico.
A continuación celebrarase a mesa coloquio “Pasado con pegada e futuro en construción: o traballo dos servizos de normalización lingüística”, un debate de corte cualitativo no que intervirán profesionais dos servizos de normalización da USC e dos concellos de Ferrol, Carballo, Rois e Dodro, moderados por Mónica Fernández Valencia.
A mañá completarase coa mesa de traballo sobre boas prácticas dos SNL, na que se exporán proxectos de éxito desenvolvidos por diferentes concellos e entidades, como os Obradoiros de Acollemento Lingüístico, Modo Galego. Actívao! ou Narón gaña co galego, entre outros.
Pola tarde, a atención centrarase nos equipos de normalización dos centros de ensino, cunha mesa coloquio que abordará o seu papel ao longo destes trinta anos e as novas dinámicas que xorden do compromiso do profesorado e do alumnado. Representantes de varios centros educativos —entre eles o IES Antón Losada Diéguez, o CEIP José Cornide Saavedra, o CPI O Cruce ou o Colexio Divino Maestro— compartirán a súa experiencia, nun debate moderado por David Cobas Medín.
O programa complétase cun espazo dedicado ás experiencias do alumnado integrante dos EDLG, que contarán como influíu na súa práctica lingüística a participación en proxectos como 21 días co galego, Aquí tamén se fala ou o Club de Debate Alingua, moderados por Xaime Varela Sieiro. A xornada pecharase coa actuación do grupo Regueifa Tour, presentada por Manuel Maseda Deán.
Unha cita estable no calendario
Os Encontros para a Normalización Lingüística, que o CCG organiza desde 1993, consolidáronse como un espazo de reflexión, diálogo e propostas arredor da lingua galega, coa vontade de analizar a súa situación e promover accións que impulsen o seu uso social. En edicións anteriores abordáronse temas como a lingua nas exequias, na economía e na sustentabilidade lingüística, na arte como ferramenta de construción social, ou a transmisión interxeracional do galego.
A actividade está coordinada por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, xunto con Luz Castro Pena, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Rosa Moreiras Cuñarro, Bernardo Penabade Rei, Rosario Pérez Magdalena, Bieito Silva Valdivia e Xaime Varela Sieiro.



