Dúas motivacións propician entre novo encontro entre o CCG e a fundación encargada de preservar o legado de Vicente Risco. Dunha banda, analizar o traballo de Vicente Risco quen, desde o activismo cultural e o traballo pedagóxico, promoveu o coñecemento dos contos e lendas galegas como base da identidade colectiva. O segundo é reflexionar sobre o papel que desenvolveu na formación dunha literatura infantil galega con raíces propias. De paso, servirá para abrir o debate sobre o papel das reescrituras contemporáneas e o valor educativo das narrativas tradicionais nun mundo dixital e globalizado.
Programa
A sesión de mañá abrirase coa presentación da xornada, que dará paso a unha primeira mesa dedicada a analizar a relación entre o conto popular galego e a obra de Vicente Risco, centrada na importancia da oralidade como expresión dunha cultura viva. Nesta parte intervirán Camiño Noia (Universidade de Vigo) e Xulio Pardo de Neyra (Universidade da Coruña), nun diálogo moderado por Xosé Fernández Fernández, vicepresidente da Fundación Vicente Risco.
Despois dun breve descanso, continuará o encontro cun bloque dedicado a a reescritura da literatura popular no sistema infantil e xuvenil galego, no que se abordará o papel das adaptacións, actualizacións e recreacións dos contos tradicionais na formación das novas xeracións de lectores. Participarán Carmen Ferreira Boo (Universidade da Coruña) e Antonio Reigosa, escritor e investigador, coa acollida de Isabel Mociño, secretaria da Fundación.
A sesión da tarde centrará o seu foco no ámbito editorial e creativo. Nela, Marcos Calveiro (Editorial Galaxia) e César Lorenzo Gil (Editorial Aira) conversarán sobre a edición dos contos marabillosos onte e hoxe, nun diálogo conducido por Delfín Caseiro, membro do padroado da Fundación Vicente Risco.
A continuación, Inma Soto ofrecerá unha intervención titulada “Os marabillosos de Risco”, na que se afondará na orixinalidade e no simbolismo das narrativas risquianas, antes do peche da xornada.
O CCG e a Fundación Risco
Esta xornada insírese no marco dunha liña de colaboración entre o CCG e a Fundación Vicente Risco que levan desenvolvendo diferentes actividades. Entre elas "Nós e o turismo cultural" ou "Os camiños de Nós polo mundo" en que, seguindo o ideario da Fundación Nós, analizaron o potencial turístico da cultura ou a internacionalización da cultura galega a partir das viaxes da Xeración Nós. En 2023, no marco da xornada “Do Bufón d’el Rei ata O porco de pé. Teatro galego en perspectiva”, abordaron o teatro galego desde o punto de vista da escena reflexionando sobre o esforzo da xente do Grupo Nós por crear un teatro galego en galego para normalizar a cultura do país (Risco, Castelao, Otero, Cabanillas…), ademais de analizar as vizosas fontes de creación actual. En 2024, analizaron o legado musical do autor e a da súa dona, María del Carmen Fernández Gómez.



