----

Unha mesa redonda achégase ao pensamento de Castelao sobre a democracia e a paz

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, organiza este martes (facultade de Ciencias Políticas e Sociais, 12:00 horas) a actividade “Castelao: democracia e paz”, un encontro dedicado a examinar a visión que Afonso Daniel Rodríguez Castelao formulou sobre a democracia e a paz no mundo. O acto pretende poñer en diálogo os textos do intelectual rianxeiro cunha pluralidade de voces contemporáneas —especialmente novas— que contribúan a conectar o seu pensamento co contexto internacional actual.

Partindo das ideas centrais da súa obra, como a defensa da democracia liberal fronte aos autoritarismos, o federalismo internacional e o multilateralismo, a promoción dos dereitos humanos e a crítica das guerras, das inxustizas e da desigualdade, esta actividade achéganos a un Castelao anticipador, capaz de interpretar con lucidez, un século antes, moitas das dinámicas políticas, sociais e culturais que seguen vixentes na actualidade.
O encontro ten como obxectivo actualizar o pensamento de Castelao á luz dos retos contemporáneos —como a desinformación, os populismos, a erosión institucional, os conflitos armados, as migracións e as crises globais—, fomentar un diálogo que traduza conceptos clásicos a linguaxes e formatos actuais, capacitar as persoas participantes en ferramentas críticas para interpretar a realidade política internacional e difundir a relevancia do patrimonio intelectual galego no debate público global.

A actividade consiste nunha mesa redonda titulada “Castelao: democracia e paz”, coordinada por Paulo Carlos López-López, profesor titular de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela. Intervirán Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da arte, investigadora, escritora e creadora; Serxio María Rodríguez Álvarez, investigador e profesor de Ciencia Política na Universidade de Vigo; e Tamara Andrés Padín, escritora, tradutora e investigadora.

En relación con este encontro, está prevista nos próximos días a gravación do podcast “Castelao: democracia e paz dende as voces máis novas”, no que participarán estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, co propósito de ampliar o diálogo xeracional e difundir o legado de Castelao a través das novas canles de comunicación.