“Sob o signo de Camões. Exposição do livro galego da FLUL” é o título da mostra coa que o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Facultade de Letras da Universidade de Lisboa abren esta mostra que achega a presenza da figura e da obra de Camões en Galicia, desde o século XVI ata os nosos días. A exposición, comisariada por Ana Tarrío, segue unha orde cronolóxica, e ofrece unha selección representativa, elaborada a partir de exemplares que pertencen maioritariamente ao Fondo Galego da Biblioteca da FLUL, así como doutros fondos da mesma Biblioteca que testemuñan o aprecio pola cultura galega por parte de diversos escritores portugueses como son o Fondo David Mourão Ferreira, o Fondo Leite de Vasconcelos, o Fondo Fidelino Figueiredo, o Fondo do Centro de Lingüística da FLUL, máis o fondo procedente da biblioteca de Pilar Vázquez Cuesta, doctora honoris causa pola Universidade de Lisboa, investigadora e profesora destacada na difusión da cultura galega e española en Portugal.
A exposición percorre a influencia de Camões poñendo de manifesto como a súa obra poética marcou a escrita de figuras esenciais da literatura galega. Arrinca con Martín Sarmiento, erudito que denunciou o esquecemento das raíces galegas da lingua portuguesa e da súa tradición cultural compartida. E obras en que se manifesta a pegada de Camões, como Os Eoas de Eduardo Pondal, Cantares gallegos de Rosalía de Castro —representado cunha edición de 1909—, Señardá de Aquilino Iglesia Alvariño e o discurso Alba de Gloria de Castelao. A exposición complétase coa presenza doutros autores nos que tamén resoa a súa influencia, como Murguía, Bouza Brey, Lugrís Freire, Otero Pedrayo e Miguel Anxo Fernán Vello, testemuñando así a vixencia do diálogo literario e simbólico entre Galicia e Portugal.
“Vidas Paralelas”
Ademais, o Consello da Cultura Galega promoveu no marco da celebración, a terceira edición do formato de encontro-coloquio “Vidas paralelas” nesta ocasión centrado na relación entre a literatura galega e a portuguesa. A presidenta, Rosario Álvarez, presenta este mércores (Associação Portuguesa de Escritores, 11:30 hora local) o encontro no que os especialistas Hélio Alves e Xosé Manuel Dasilva se xuntan para relembrar a matriz galaica, especie vizosa na densa foresta da difusión da obra de Camões.
“Vidas Paraleas” é un formato co que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa pretenden recuperar a memoria das semellanzas entre personalidades galegas e portuguesas nos diferentes eidos culturais. Arrincou en abril de 2024 cunha revisión cruzada das figuras de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923), dous pioneiros dos estudos filolóxicos en ambos os países a cargo de Henrique Monteagudo e Ivo Castro. Continuou cun coloquio sobre o patrimonio cultural transfronteirizo a cargo de Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira.
Este formato consta de dúas fases: a primeira, formada por dúas entrevistas individuais que procurarán deliñar un itinerario biográfico que comporte un certo autorretrato intelectual, incidindo de xeito particular entre os vencellos mutuos entre as dúas personalidades seleccionadas. A segunda é o encontro-coloquio que busca propiciar unha reflexión retrospectiva sobre os cruzamentos culturais entre o mundo galego e o portugués, as súas circunstancias históricas específicas, pero tamén a súa evolución no tempo ata a actualidade.




