“Estou seguro de que Castelao sería un firme defensor do multilateralismo tal e como o entendemos hoxe en día. Porque democracia e paz non son só fins, son tamén xeitos de organizar o común”, afirmou Paulo Carlos López nunha xornada que puxo sobre a mesa que o legado de Castelao pon de manifesto que a defensa da democracia e da paz só é crible desde proxectos institucionais que recoñezan diferenzas, garantan dereitos e xeren confianza. Na súa opinión, “por moitas voltas que dera, Castelao foi un pacifista e un antifascista militante”.
Na sesión, Serxio María Rodríguez, profesor de Ciencias Políticas, falou do federalismo en Castelao como principio de orde e concordia. Lembrou a evolución do pensamento político do rianxeiro, que pasou dunha etapa conservadora marcada pola tradición familiar, a unha segunda etapa de compromiso galeguista e dun troque tradicionalista moi influído por Vicente Risco, ata un período de madurez no que defendía a democracia e a paz a partir das súas accións e propostas. Na súa intervención, Serxio María destacou a proposta federal de Castelao como alternativa ética e institucional fronte ao centralismo e ao nacionalismo excluínte. Tamén subliñou a proxección europea e ibérica do pensamento de Castelao.
Pola súa banda, a escritora, tradutora e investigadora Tamara Andrés centrouse na dimensión humanista de Castelao. Defendeu que o seu legado plasma un ser humano que se sabe incompleto e que precisa da mirada do outro. Na súa intervención, destacou a idea de que Castelao mantivo co mundo unha relación permanente de observación reflexiva.
Por último, Iria Friné Rivera, historiadora da arte, situou Castelao no seu contexto. Fixo un percorrido estético e histórico a través do legado creativo do autor. Describiu o contexto da Europa de entreguerras, a influencia do trauma da Primeira Guerra Mundial, do expresionismo, das vangardas e dos ballets rusos, que conectou co florecemento das Irmandades da Fala e coa contribución concreta de Castelao en Cousas e nos carteis do Estatuto.
Nos vindeiros días terá lugar a gravación do podcast “Castelao: democracia e paz dende as voces máis novas”, no que participarán estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, co propósito de ampliar o diálogo xeracional e difundir o legado de Castelao a través das novas canles de comunicación.



