“A mostra revisa unha época pouco divulgada da disidencia”, explica Daniela Ferrández, comisaria desta exposición que “recolle a riqueza da diversidade que se expresa de diferentes xeitos”. Os materiais que a conforman pertencen aos fondos documentais do CDIF, que —en palabras da comisaria— “fai un amplo e exhaustivo traballo de documentación do pasado LGTBQ+”. En sete paneis, a mostra reconstrúe “as pegadas do que diferentes colectivos da sociedade construíron, e porque tamén estamos aquí, o que nos permite aprender do pasado para construír un mundo con menos diferenzas e máis igualdade”, engade Daniela.
Sete xanelas para ollar a diversidade
A mostra comeza co panel “Disidencia sexual en ditadura”, que se mergulla na realidade da represión franquista contra quen ousaba transgredir as normas de xénero e sexualidade. A historia de Manolo Santiso, detido en 1939 en Carral por vestir de home e vivir como tal, exemplifica a violencia institucional e social do réxime. Tamén se reivindica a figura de Eva García de la Torre, recluída nos reformatorios do Padroado de Protección da Muller por “sospeita de homosexualidade” e hoxe recoñecida como a primeira vítima oficial desta institución. O panel amosa como, baixo a aparencia de moral e orde, o franquismo impuxo unha rede de control e vixilancia que castigaba calquera disidencia.
O segundo panel, “A primeira manifestación do Orgullo en Galicia”, achégase a un fito histórico: o 26 de xuño de 1981, Vigo converteuse no escenario da primeira manifestación do Orgullo LGBT galego. A exposición recupera as imaxes tomadas por Xabier Mañón, nas que se ve como a diversidade saía á rúa por primeira vez, rompendo décadas de silencio e medo. Inclúe tamén as faixas e consignas daquela xornada —“Non á represión da homosexualidade”, “Marica, mariquita, mullerenco, tortilleira… mil e unha forma de dicir ‘té desexo’”— que amosan un movemento cheo de humor, coraxe e esperanza. Acompáñase de retratos e testemuños de Trinidad Falcés, muller trans galega e pioneira do activismo estatal, e de Rosiña, unha das primeiras lesbianas visíbeis que participou na manifestación.
“Vigo era unha festa” é o título do terceiro panel, que pretende reivindicar o papel central que tivo a cidade olívica. Recolle a vida cotiá e as redes de sociabilidade da disidencia sexual en Galicia. Os xardíns das Avenidas ou os parques urbanos convertéronse en espazos de encontro e desexo, malia o risco de agresións e detencións. A mostra documenta como publicacións internacionais como Spartacus Gay Guide (1975) ou All Lavender Guide identificaban Vigo como o único punto de encontro gai do noroeste peninsular. O panel tamén lembra experiencias de liberdade como o camping gai de Cabo Home en 1981, onde activistas de toda Galicia se reuniron para debater, convivir e soñar un futuro diferente.
O transformismo e o espectáculo foron refuxio e plataforma de visibilidade para moitas persoas LGBT. Sobre elas fala o panel “Icónicas enriba dun escenario”, que tamén rende homenaxe a artistas como Mirko (Juan Rodríguez Fernández), imitador coruñés que triunfou en cabarés de Barcelona e Madrid nos anos 30 e 40, e a Dalia Flores e ás súas compañeiras do Carrusel de París.
Durante a Transición, os primeiros colectivos de liberación homosexual en Galicia —como a Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia— comezaron a recibir cartas de persoas que, desde vilas e aldeas, buscaban apoio e información. O quinto panel, “Un novo contacto”, recolle fragmentos desas correspondencias, moitas asinadas con pseudónimos, nas que se percibe o medo, o desexo e a esperanza de quen buscaba comunidade nun tempo no que a soidade era norma. As cartas proceden de lugares como Forcarei, Vigo ou Santiago, e revelan a importancia do correo postal como ferramenta de organización e afecto.
O panel “Lesbianas feministas” dedica o seu espazo ás mulleres que, desde o feminismo, deron un paso adiante para visibilizar o lesbianismo como opción política e vital. A Asociación Galega da Muller (AGM) xogou un papel esencial na creación de espazos seguros e de encontro, organizando comisións de lesbianas e encontros galegos de feministas lesbianas (Ferrol, 1985; Santiago, 1987). Neles debatíase sobre sexualidade, afectividade, dereitos e igualdade, mais tamén se celebraba a alegría de poder ser e estar en liberdade. Este panel rescata materiais orixinais, programas e testemuños destes encontros pioneiros.
Pecha a mostra “Tintas desviadas”, un panel que recolle revistas, boletíns e obras literarias que amosan como a palabra escrita foi un instrumento de resistencia e transformación. Publicacións como O Aturuxo ou A Saia, xunto coas obras de Eduardo Blanco Amor ou María Xosé Queizán, dan conta dunha Galicia diversa que escribía e se pensaba desde a diferenza. As tintas desviadas foron vehículo para expresar o desexo, o pensamento crítico e a identidade, abrindo un camiño de palabras que segue inspirando as xeracións actuais.




