Teresa Nieto, coordinadora da Sección de Patrimonio e da Comisión Técnica para a elaboración de informes sobre patrimonio e bens culturais, xunto con Rebeca Blanco-Rotea, tamén integrante desta comisión, abriron a xornada presentando o informe que establece o estado da cuestión sobre o procedemento e fórmula propostas relativas ás figuras de protección deste tipo de bens. Na súa intervención explicaron que no último ano se produciu un incremento nas declaracións de protección de bens de carácter inmaterial. Ata 2023 foran escasos os bens desta natureza que obtiveron recoñecemento oficial en Galicia. Desde 2011 —ano no que se declarou Ben de Interese Cultural (BIC) o legado de Castelao, un expediente que supuxo un fito— apenas se rexistraran novas declaracións. Entre as máis destacadas citaron as manifestacións de diversas técnicas tradicionais e actos festivos dentro da declaración de BIC da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra (2018) e a da Carpintaría de Ribeira (2019), esta última considerada modélica pola creación dun órgano específico de xestión. Ademais, explicaron que desde 2024 se produciu un incremento na incoación de expedientes, entre os que se inclúen o Entroido, a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o xogo dos birlos de Galicia, a Romería dos Remedios da Ermida e o baile e a música tradicional de Galicia.
O informe sinala tamén que as incoacións destes procedementos están a atrasar o rexistro e a documentación das distintas manifestacións. Ademais, advirte que “as declaracións resultan tan xerais e abranguen manifestacións tan diversas en canto aos seus elementos e aos marcos espaciais nos que se desenvolven —como é o caso do Entroido—, que a miúdo a manifestación se ve reducida a dimensións (espazo, tempo e materia) máis relacionadas cos axentes externos que actúan como espectadores alleos, que coa propia práctica e coa comunidade que a mantén viva, como acontece coa Rapa das Bestas de Sabucedo”.
Trala presentación do informe, Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga e profesora na Universidade de Santiago de Compostela, especializada en estudos sobre patrimonio, políticas culturais e procesos de patrimonialización, afondou en como mudaron as ferramentas e criterios utilizados para identificar, documentar e protexer o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. Defendeu que é clave “comprender o patrimonio como un proceso vivo e dinámico, no que as comunidades teñen un papel fundamental, así como as relacións entre os instrumentos locais de rexistro e os marcos internacionais, como o da UNESCO”.
Na xornada púxose como exemplo o proxecto “Galicia Nomeada”, no que —segundo explicou o seu coordinador técnico, Vicente Feijoo Ares— participan distintas entidades da Administración e a Real Academia Galega. Destacou o valor das novas tecnoloxías e da colaboración comunitaria para preservar e transmitir saberes, tradicións e expresións que definen a identidade cultural de Galicia.
Coa xornada reivindicouse o traballo en rede no territorio, coas comunidades como eixo central da acción patrimonial. Concha Losada, desde o APOI do Museo do Pobo Galego, subliñou o potencial dos arquivos dedicados a este legado para conectar investigadores, institucións e cidadanía. Carmen Suárez presentou o proxecto “Fálame de San Sadurniño”, que une tecnoloxía e memoria para dar voz ás persoas maiores e fortalecer a memoria colectiva. Pola súa parte, Íñigo Sánchez expuxo o proxecto “Palcos”, do INCIPIT, que analiza a sociedade galega a través das festas e cuestiona os límites das políticas patrimoniais.
Na asociación “Morreu o Demo”, Larraitz Urruzola destacou a importancia de fomentar novas creacións e de traballar na educación e divulgación para manter vivo o patrimonio dos títeres tradicionais. A mesa abordou tamén cuestións como a dificultade de transferir o patrimonio á sociedade, a falta de recursos e coñecementos para a súa catalogación e difusión, e o impacto que teñen as formas de recoñecemento na maneira de concibir e xestionar o patrimonio cultural.
A xornada completouse coa exposición das catro manifestacións ás que a Sección prestou atención en 2025 coa organización de xornadas específicas a os oficios do mar, a rega tradicional, a música, o canto e o baile, e as danzas brancas. Representantes das comunidades que manteñen estas tradicións presentaron as problemáticas comúns e os retos compartidos.


