Esta edición do simposio comeza coa intervención de Senén Barro Ameneiro, do CiTIUS da USC, que abordará a presenza crecente da intelixencia artificial na comunicación humana. Posteriormente, Arturo Montejo-Ráez, da Universidade de Xaén, abordará cuestións relacionadas co razoamento automático, os axentes intelixentes e o transhumanismo. A sesión pecharase coa conferencia de Pablo Gamallo, investigador do CiTIUS, quen exporá estratexias para reforzar a presenza do galego a través dos grandes modelos de linguaxe no marco do debate sobre oportunidades e riscos que supón a intelixencia artificial para a nosa lingua.
O simposio continuará o mércores con tres intervención sobre a voz e a fala. Inma Hernáez Rioja, investigadora do centro HiTZ da Universidade do País Vasco, farase un percorrido histórico que vai da voz humana ás voces artificiais, repasando un século de innovacións tecnolóxicas. A continuación, Carmen Magariños, do Instituto da Lingua Galega, ofrecerá unha intervención dedicada á evolución da síntese de voz e ao proceso de “dar voz ás máquinas”. Pechará a sesión Adina Vladu, tamén investigadora do ILG, cunha guía introdutoria ao recoñecemento automático da fala no marco do debate sobre a intelixencia artificial e a lingua galega.
O encontro concluirá o xoves con outra tarde de relatorios no salón de graos da facultade. Carmen García Mateo, do centro atlanTTIC da Universidade de Vigo, abrirá a sesión cunha reflexión sobre o papel da intelixencia artificial no futuro das linguas minoritarias e as oportunidades que ofrece para evitar quedar atrás no contexto global. Seguiralle a intervención de Luís Míguez Macho, da USC, centrada na regulación da IA e o seu impacto no sector audiovisual e cultural. A xornada rematará cunha mesa redonda dedicada ao uso das tecnoloxías lingüísticas nos ámbitos profesionais e aos desafíos derivados da súa incorporación. Nela participarán Gaspar González Somoza, actor de dobraxe e voz do proxecto Nós; Beatriz Fariñas Garrote, presidenta da AGPTI; Isabel Blanco, delegada en Galicia da AISGE; e Belén Regueira, decana do Colexio de Xornalistas.


