No prólogo, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, salienta que a obra posúe múltiples capas de lectura. Sinala, por unha banda, “a importancia do coleccionismo e o labor indispensable dos coleccionistas”, e por outra, que son “un material único para seguir a evolución do grafismo galego ao longo de medio século”. Destaca tamén que “permiten contar unha historia porque reflicten as preocupacións, a contestación política, a reivindicación social, as ansias de liberdades, os valores democráticos, a expresión da solidariedade, as operacións de márketing e propaganda política, as tensións dentro da comunidade, a sopa de siglas que nos asolagou, os conflitos laborais, as manifestacións da identidade, o rexurdir da sociabilidade e dos espazos de encontro e os movementos sociais emerxentes e o asociacionismo”, servindo de crónica visual dun período decisivo.
O responsable do fondo documental, Miguel Gutiérrez, pon o acento no carácter vivo e imaxinativo destes materiais. “A historia non se pode escribir sen imaxinación”, afirma, lembrando que estes adhesivos “representaron unha forma de comunicación barata e masiva”. O coleccionista lembra tamén a diversidade temática: ecoloxismo contra a enerxía nuclear, reivindicacións feministas pola igualdade e polos dereitos reprodutivos, demandas dos colectivos LGTB, debates arredor da OTAN, o servizo militar ou o 23F. Estes adhesivos “convertéronse en testemuñas de fundacións, escisións, fusións ou desaparicións” de organizacións políticas e sociais e foron un símbolo de adhesión ideolóxica nun país en transformación.
Emilio Grandío, coautor da publicación xunto con Gutiérrez subliña a capacidade destes materiais para transmitir un tempo de mudanzas profundas. “O que vedes nestas páxinas son os tempos en que se constrúe o sistema de valores democráticos”, afirma, lembrando que moitos elementos que hoxe parecen básicos estaban daquela por consolidar. Grandío explica que “a propaganda divídese en varias fases, dende a produción ata a manipulación de representacións” e que, vista coa distancia, aquela actividade “semella unha fase premoderna das campañas políticas”. Destaca que unha colección tan ampla como esta revela “un intenso activismo sociopolítico, as demandas reiteradas de cambio e os xeitos en que se verificaba a visualización concreta de determinadas identidades”. Para o historiador, o adhesivo foi “un elemento de reivindicación: visible, barato, accesible…; unha gran ferramenta propagandística que pode compararse, pola súa rapidez, coa inmediatez da información actual coas redes sociais”.
Once capítulos que narran a historia da transición
O volume está estruturado en once capítulos temáticos que percorren, a través das pegatinas políticas e sociais, a evolución da vida pública galega desde a Transición ata os primeiros anos da autonomía. O primeiro destes bloques, Rachar co pasado. Amnistía, legalización de partidos, maioría de idade…, afonda no papel das mobilizacións cidadás que impulsaron o remate da ditadura e reclamaron liberdades básicas, amosando a pegatina como un símbolo da ansia de cambio e da vontade de recuperar dereitos individuais e colectivos. A análise continúa en Sobre “representantes” e “representados”. Das primeiras eleccións xerais ás autonómicas, onde se explora como os adhesivos acompañaron os procesos electorais iniciais e contribuíron a alfabetizar politicamente unha sociedade que se estrea nas urnas. O terceiro capítulo deste bloque, Eleccións locais: votar polo “veciño”, documenta a emerxencia do municipalismo democrático e o peso das plataformas cidadás que transformaron barrios e cidades, convertendo a política local nun espazo de participación directa.
O libro aborda tamén a construción da identidade colectiva no capítulo O pasado como identidade. Estatuto de autonomía e aldraxe, capítulo no que se reflicte a defensa do autogoberno e a reacción fronte ás aldraxes simbólicas que marcaron aqueles anos. A seguir, en “Unha terra, un pobo, unha fala”…, analízase a centralidade da lingua galega no proceso de democratización cultural, coa irrupción de campañas pola normalización e pola galeguización do ensino e da vida pública. As prácticas culturais e sociais teñen cabida en Un lecer “propio”. Asociacións, festas, música…, onde se visibiliza o protagonismo do asociacionismo e da cultura popular como espazos de creación e reivindicación. Estes contidos complétanse con O mundo do traballo. Reivindicacións laborais e sindicalismo, que dá conta dunha sociedade marcada por conflitos laborais e pola fortísima actividade sindical que buscaba mellorar condicións de vida e de emprego nun tempo de mudanzas económicas profundas.
Os capítulos finais —Unha sociedade autoorganizada, As asociacións veciñais; Ecoloxía e defensa do territorio; Os novos actores sociais: estudantado e movemento feminista; e Arredor da violencia. Da impunidade ao pacifismo— ofrecen unha visión ampla da autoorganización cidadá e da aparición de novos suxeitos sociais. Neles amósase como os barrios, os colectivos ecoloxistas, o estudantado ou o feminismo artellaron discursos propios e espazos de autonomía, ao tempo que se documentan as tensións, violencias e respostas pacifistas dun período no que a sociedade galega buscaba consolidar unha convivencia democrática.


