O emprego no sector cultural en Galicia sitúase por debaixo da media española, aparece unha lixeira deriva á baixa para quedar en 34.200 persoas. “En termos de peso relativo, a cota do emprego cultural en Galicia sitúase seis décimas por debaixo da estatal e baixa unha décima no último dato dispoñible do segundo trimestre de 2025”. Con respecto aos datos da Seguridade Social do ámbito cultural en Galicia, o documento do Observatorio da Cultura Galega establece que o perfil é marcadamente estacional e cunha forte dependencia do réxime de autónomos. “En setembro de 2025 contabilízanse 21,684 en Galicia- 1,3% do total, cun incremento dun 2% interanual fronte a 1,6% no total das afiliacións”. O documento volve situar nas provincias de A Coruña (54%) e Pontevedra (30%) as que teñen un número maior afiliacións. Analizando eses datos por actividades, a conxuntura do Observatorio da Cultura Galega destaca que os servizos de arquitectura e fotografía son as que continúa na tendencia do ano anterior, con incrementos regulares. Nesta ocasión, as actividades de tradución e interpretación permanecen invariables e baixa lixeiramente o deseño especializado. Mantéñense: produción de cine e vídeo, posprodución e distribución e exhibición que, sen romper a tendencia, mantén as cifras máis oscilantes. “Patrimonio, museos e xestións de lugares históricos, medran desde a primavera ata o verán e mantéñense despois” afirma o documento. Artes gráficas, librarías e as actividades de radiodifusión mantéñense nas actividades negativas.
No que atende á realidade empresarial, o documento constata un incremento do 3,7% no total de empresas creadas e do 14,7% no número de empresas culturais, que indica unha evolución máis dinámica do sector cultural en comparación co conxunto da actividade empresarial galega.
Con respecto ao IPC (índice de prezos ao consumo) no período estudado, o documento conclúe que “mentres que os prezos dos produtos tecnolóxicos tenden a abaratarse, os servizos culturais e editorial ou ben se manteñen ou aumentan lixeiramente”.
Comercio exterior
Entre 2020 e 2024 as importacións de bens e servizos culturais pasaron de 10,1 millóns de euros a 22,8 millóns. Destacan as actividades artísticas e de espectáculos co maior crecemento, seguido das actividades cinematográficas, de vídeo e programas de televisión, gravación de son e edición musical.
No que ten ver coas exportacións, nese período aumentan de 8.5 millóns a 12.6. A edición representa case o 90% das exportacións totais. Soben tamén as actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, aínda que durante a serie analizada presentan un comportamento irregular.
Da Administración ás familias: orzamento e gasto
A Conxuntura apunta que medraron os orzamentos das Administracións públicas en todos os niveis. Os orzamentos de cultura e normalización lingüística da Administración autonómica, aumenta en 2025 un 4,6% con respecto a 2024 (cultura +4,2% e normalización +8,3%), aínda que a cota sobre o total autonómico permanece no 0,8%. No ámbito local, o gasto en cultura acada 257,5 M€ en 2025 (+5,3% interanual), estable arredor do 7% do gasto total. Os concellos concentran case o 80% deste esforzo e medran un 30,9% no quinquenio 2021-2025. Pola súa banda, as deputacións incrementaron 10 millóns de euros con respecto a 2021, recuperan nivel “pero perden peso relativo no conxunto”.
No que respecta ao gasto en cultura das familias, o informe asegura que o gasto dos fogares galegos en produtos e servizos culturais “mantense en máximos de 135 euros”. O informe destaca o crecemento dos servizos audiovisuais (as entradas a espectáculos culturais, as subscricións a plataformas de contidos audiovisuais de pagos...), seguido dos libros, que segue “un perfil en dentes de serra: baixan ata o ano 2022, recuperan en 2023 por riba do inicio do período e ceden lixeiramente en 2024”. A compra de prensa contén o descenso progresivo, os equipos de procesamento da información, descenden entre 2021 e 2024, que amosa o nivel máis baixo de todo o período. A conxuntura tamén asegura que a confianza da poboación galega segue sendo moi positiva, supérase por primeira vez o 70% en 2024 de fogares que pensa que poderá permitirse saír a cear, a cafeterías, ir ao cine, ao teatro nos próximos tres meses.


