----

Un encontro achégalle a representantes políticos as conclusións de Un país coa súa lingua. Foro participativo

O Consello da Cultura Galega acolleu esta tarde un encontro cos representantes dos diferentes grupos parlamentarios, administracións e outras entidades na que se presentaron as 96 medidas que se propoñen no informe Un país coa súa lingua. Foro participativo, do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abriu a sesión na que a vicepresidenta e coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, explicou o documento que contén medidas de aplicación inmediata —moitas delas sen custo económico— e estruturais que contribúen a reverter a situación do galego.

A xuntanza encádrase no marco do plan de difusión e interlocución con todos os axentes políticos, sociais e culturais, nomeadamente entres os que teñen capacidade executiva e lexislativa para implementar as medidas propostas no marco deste proceso. Á xuntanza asistiu Valentín García, secretario xeral da lingua; Carmen Pomar, Rubén Lorenzo e José Luís Ferro en representación do Grupo Parlamentario do Partido Popular; Mercedes Queixas e Daniel Castro do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego. En representación das deputacións, asistiu Soledad Agra, deputada de lingua da Deputación da Coruña. Pola Federación Galega de Municipios e Provincias participou a secretaria xeral, Patricia Vilán. María López Sández, estivo representando á RAG. Ademais, participaron os membros da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Iolanda Casal, Montse Pena, Nel Vidal e Elisa Fernández.

As conclusións
O documento, presentado o pasado 16 de outubro, ten carácter instrumental, propositivo e complementa o marco lexislativo vixente e o Plan xeral de normalización da lingua galega con medidas que buscan activar unha vía de diálogo entre Administracións, comunidade educativa e científica, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil. As iniciativas están divididas en seis áreas temáticas, inspiradas na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias: educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte, e sociedade, crenzas e participación comunitarias.

Medidas concretas inmediatas
No ámbito da administración as medidas de incorporación rápida refírense a instrucións internas, contratación, protocolos e convenios que xeran un impacto inmediato. O informe insta as administracións á creación dunha planificación anual arredor da lingua, con orzamento e seguimento, e cunha rendición pública de resultados. Entre outras, proponse a incorporación de cláusulas lingüísticas na contratación pública, que definan a lingua de traballo e de entrega, a cobertura, os estándares de calidade e as obrigas de provedores e subcontratistas, así como mecanismos de seguimento e medidas correctoras, buscando favorecer o uso do galego nos servizos externalizados.

No eido da xustiza, o documento recolle a creación de unidades piloto que operen integramente en galego, así como modelos estandarizados de escritos e comunicacións. No da economía figura a realización íntegra dos procesos empresariais en galego (estatutos, contratos, manuais, asesoría xurídica...). No dos medios, cultura e acción exterior recóllese ampliar a oferta de programación infantil e xuvenil (series, concursos escolares, espazos divulgativos e formatos interactivos) adaptados aos intereses actuais da infancia e a mocidade. Tamén se inclue a redacción dun código voluntario para que axencias, gabinetes de prensa e medios de comunicación respecten a lingua orixinal das entrevistas e roldas de prensa realizadas en galego. No educativo, proponse implantar un proxecto piloto lingüístico de carácter voluntario, baseado na autonomía dos centros e coa aceptación das familias, que garanta que o ensino proporcione competencias lingüísticas e oportunidades de uso real equivalentes en galego e castelán. Tamén alternar a lingua vehicular dalgunhas materias segundo o curso ou grupo, así como a creación e uso de materiais en galego en áreas como as ciencias. Tamén se propón planificar a acollida lingüística do alumnado chegado de fóra e facilitarlle ao profesorado materiais didácticos actualizados en galego para todas as materias, integrando recursos xa existentes e completándoos con novos materiais que cubran o conxunto curricular. Ademais, entre as propostas, cómpre elaborar un inventario das aplicacións esenciais de cada ámbito (xustiza, sanidade, educación, empresa etc.), indicando o seu estado lingüístico e as actuacións necesarias para garantir que a interface, a documentación e o uso sexan en galego. Preténdese tamén que a configuración por defecto estea en galego. Vencellado a isto, o documento propón a operatividade plena en galego nas principais ferramentas de xestión da Administración, como son as plataformas Atenea (xustiza), Gacela (sanidade), IANUS e Cinfo tanto nas sedes como na tramitación electrónica.

Medidas concretas estruturais
O documento tamén propón cambios estruturais que requiren prazos de implantación máis longos. Entre elas inclúese crear unha rede pública de servizos de normalización lingüística con recursos suficientes, cun programa estable de financiamento e apoio técnico. Especialmente importante é impulsar e reforzar servizos de normalización na Administración de xustiza e no Sergas. Poñer o foco na política de planificación lingüística e garantir o exercicio da potestade da Administración na súa normalización do mesmo xeito que sucede noutros ámbitos.

No ámbito educativo, solicítase ofrecer liñas educativas en galego, sempre que exista demanda suficiente e consenso coa comunidade educativa para garantir que as familias que desexen unha escolarización maioritaria nesta lingua poidan acceder a ela dentro do sistema público; reforzar a autonomía dos centros para desenvolver iniciativas adaptadas ao contexto sociolingüístico e impulsar os equipos de dinamización da lingua galega para que dispoñan de orzamento estable, así como que o profesorado teña unha dedicación horaria maior.

No ámbito cultural, proponse, entre outras medidas, a creación dunha mesa galega de diálogo coas plataformas dixitais globais (Google, Meta, Spotify, TikTok...), na que participen a Administración autonómica e central para tratar algoritmos que penalizan linguas como o galego, e tamén a creación dun fondo mixto e de incentivos fiscais ao mecenado para apoiar a creación e distribución de contidos en galego.