----

Un audiovisual reconstrúe o Pórtico da Gloria como o concibiu o Mestre Mateo

O regreso a Santiago de Compostela de Ezequiel e Xeremías escribe un novo capítulo na historia das esculturas que o Mestre Mateo deseñou para as entradas exteriores do Pórtico da Gloria e que se separaron do seu espazo orixinal polas modificacións posteriores da fachada da Catedral. Trátase dun periplo que permite trazar a evolución política e cultural de Galicia no século XX. O Consello da Cultura Galega (CCG) puxo na rede en 2020 o especial “Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa”, con documentación histórica inédita. Agora, este especial actualízase cun audiovisual que permite ver unha restauración dixital das esculturas e a restitución ao seu emprazamento orixinal tal e como as concibiu o Mestre Mateo.

O audiovisual foi producido polo CCG e elaborado polo proxecto KosmoTech_1200 dirixido por Francisco Prado Vilar – un proxecto investigación e innovación tecnolóxica desenvolvido no CISPAC grazas a un acordo de colaboración entre a Universidade de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago co apoio da Axencia Estatal de Investigación. Nel pódese ver a reconstrución da fachada da Catedral de Santiago coas oito esculturas creadas polo obradoiro do Mestre Mateo: as efixies dos reis David e Salomón, dos profetas Enoc, Elías, Ezequiel, Xeremías, e Zacarías, e a figura de Santiago cabaleiro. Francisco Prado, como director científico, e Alexandre González, responsable da virtualización e da restauración dixital, elaboraron a reconstrución en 3D combinando a investigación histórico-artística máis avanzada e as últimas tecnoloxías en virtualización do patrimonio. Pode verse na exposición "Restitución das esculturas do Mestre Mateo" que permite ver as esculturas, espoliadas polo franquismo, logo de oito anos de loita xudicial.

Cada unha das esculturas someteuse a un proceso de restauración dixital realizando a anastilose dos fragmentos perdidos e recuperando a policromía. Prado explica que empregaron «un protocolo polo cal se aplicaron sempre cores e motivos decorativos documentados na primeira policromía do Pórtico da Gloria, atendendo tamén á iconografía dos personaxes. Por exemplo, as Testemuñas da Apocalipse, Enoc e Elías, visten hábitos brancos de penitencia e levan bastóns de predicación, tal e como se describen na Biblia e se representan en manuscritos contemporáneos». A función da policromía é didáctica e axuda á lectura das vestimentas, á visualización das distintas partes da escultura (atributos, tronos, acantos) e ao movemento das figuras. Tamén se restauraron, a partir de modelos fotogramétricos, importantes elementos estructurais da fachada. «As dovelas conservadas, descubertas por Manuel Chamoso Lamas, son incrible¬mente elaboradas desde o punto de vista volumétrico e ornamental, incluso incorporando motivos xeométricos de raigame andalusí, e a partir delas reconstruímos completamente o arco, que era unha das marabillas da fachada do Pórtico abarcando unha entrada de máis de sete metros de luz», explica Francisco Prado. Tamén sinala que “o único rosetón que se conserva é un dos que figuraban nas entradas laterais que restauramos dixitalmente completando as partes perdidas e reconstruindo a policromía para logo adaptalo para visualizar o gran rosetón central, do que nada se conserva, pero que era célebre no seu tempo, coñecido como ‘o espello grande’.”

Un especial con documentación histórica
O audiovisual engádese a un especial que pon en rede un traballo de investigación arquivística traza o percorrido destas cinco esculturas. Nel figuran, entre outros materiais, as conversas entre Filgueira Valverde e Sánchez Cantón sobre como concibían a grandeza do Museo de Pontevedra; os esforzos de Chamoso Lamas por protexer o legado monumental do que era máximo responsable; ou o labor de Xesús Carro e Fermín Bouza Brey —represaliado polo franquismo— por manteren o seu compromiso galeguista e coa salvagarda do patrimonio do país. Esta documentación permite varios niveis de lectura: desde as relacións de amizade entre figuras clave da cultura galega, á concepción do patrimonio e da idea de país, pasando polo declive dunha nobreza secular —a dos condes de Ximonde, obrigados a vender o seu patrimonio—, todo iso atravesado polos avatares políticos e poñendo de relevo o papel crucial dos arquivos na custodia e preservación da nosa memoria.

A historia desta viaxe arrinca no mandato do arcebispo Alonso III de Fonseca, quen mandou construír o claustro renacentista e acometer a reforma da fachada occidental. Isto supuxo o peche do nártex do Pórtico da Gloria, a instalación das portas nas tres entradas exteriores e a retirada de tres parellas de esculturas: as efixies dos reis de Israel, David e Salomón, recolocadas no peitoril da terraza á que se accedía pola escalinata; as figuras de Enoc e Elías, que como Testemuñas da Apocalipse anunciaban a inminencia da fin dos tempos; e os profetas do exilio, Ezequiel e Xeremías, que chamaban ao arrepentimento e á rexeneración como anticipos das condenas do xuízo final. Estas catro esculturas, xunto coa de Santiago cabaleiro, foron parar aos xardíns do actual Pazo de Fonseca, edificio construído por iniciativa do propio arcebispo. A finais do século XVIII trasladáronse ao Pazo de Ximonde, en Vedra, onde permaneceron ata a celebración da Exposición Rexional Galega de 1909. Con motivo desta mostra realizouse o primeiro grande inventario monumental de Galicia, que aparece recollido no especial na chamada «Ficha de préstamo das esculturas do Conde de Ximonde para a exposición». Ao peche da exposición, tres das esculturas —Enoc, Elías e Santiago cabaleiro— quedaron no patio do Colexio de San Clemente.

Outra data clave do especial é 1946, cando se produciu un primeiro intento, finalmente falido, de compra do conxunto das cinco esculturas ao conde de Ximonde por parte do Museo Arqueolóxico Nacional, tal e como acreditan cartas inéditas de Fermín Bouza-Brey. Desde entón, as esculturas correron sortes desiguais. Elías e Enoc, como queda probado documentalmente, acabaron no Museo de Pontevedra grazas ás xestións de Filgueira Valverde e Sánchez Cantón. Pola contra, Ezequiel e Xeremías, vendidas polo conde de Ximonde ao Concello de Santiago en 1948 tras o frustrado intento de venda ao Museo Arqueolóxico Nacional, iniciaron un camiño incerto que se reconstrúe a través de imaxes do NO-DO, recortes de prensa, cartas persoais e o catálogo da Exposición Internacional de Arte Románica de 1961, que as rotula por primeira vez como «Propiedade de S. E. o Xefe do Estado».

No especial pódense consultar as cartas entre Manuel Chamoso Lamas, Evaristo Martín, Gratiniano Nieto Gallo e Joan Ainaud de Lasarte, que revelan a intrahistoria da fraude perpetrada por instancias dos administradores de Franco. A partir dese momento, a documentación presentada incide na ausencia de información que xustifique a propiedade das pezas por parte da familia Franco. Incorpórase tamén o episodio do incendio do Pazo de Meirás, no que, segundo as mencións da prensa sobre as perdas ocasionadas polo suceso, as esculturas aparecen completamente omitidas. Engádese agora, por último, o capítulo da restitución das esculturas logo dunha sentenza xudicial.