Especial Otero Pedrayo
Unha das liñas de actuación do Consello da Cultura Galega neste 2026, aprobadas polo Plenario da institución e anunciadas en sede parlamentaria, é a difusión e atención á figura e legado de Otero Pedrayo, nomeadamente á importancia e estudo sobre a paisaxe galega. Neste espazo web concéntranse recursos xa elaborados pola institución para facilitar o seu uso e consulta nun ano que concentrará numerosos eventos e iniciativas ao redor da súa figura. O novo recurso permite acceder á producción do CCG sobre case un milleiro de persoeiros da cultura galega histórica e contemporánea en permanente actualización.
Publicacións e outros recursos documentais
No especial compílase unha parte da súa extensa producción textual e da investigación ao fío da súa obra. O conxunto destes recursos documentais permite seguir a traxectoria intelectual e a proxección pública de Otero Pedrayo desde os anos vinte ata os setenta do século XX, tanto como autor como figura central da cultura galega. Inclúe artigos críticos temperáns, como os publicados en Vida Gallega en 1926, noticias sobre a actividade do Seminario de Estudos Galegos e a súa participación en homenaxes e actos culturais, así como referencias ao nacemento de proxectos editoriais clave.
Recolle tamén textos propios de Otero Pedrayo —artigos, recensións, entrevistas e relatos como Morto de pé— que mostran o seu pensamento literario, o seu compromiso coa lingua galega na posguerra e a súa atención á creación contemporánea. Xunto a isto aparecen documentos que evidencian o recoñecemento que recibiu en vida, como colaboracións en volumes de homenaxe, artigos de análise da súa obra, respostas académicas e estudos sobre o seu pensamento xeográfico e cultural.
Completan o corpus materiais colectivos e editoriais, como a edición facsimilar das Poesías galegas de Francisco Añón ou a Historia de Galiza por el dirixida, que confirman o papel de Otero Pedrayo como articulador fundamental do galeguismo cultural e intelectual do século XX. Destacan tamén o volumen que xunta artigos e ensaios de Ramón Piñeiro sobre diferentes facetas da obra de Otero Pedrayo: lembranzas persoais, consideracións sobre a Xeración Nós, a oratoria, a significación oteriana na cultura galega ou a súa especial relación con Santiago de Compostela.
Escoitalo na súa voz e na dos seus estudosos
No especial recóllense varias conferencias que amosan a dimensión intelectual e oratoria de Otero Pedrayo e a variedade de temas que abordou ao longo da súa vida. En Ourense, as súas terras e xentes, pronunciada en Bos Aires durante a súa viaxe de 1959 e recollida en Ramón Otero Pedrayo en América (I), o autor rende homenaxe á súa terra natal diante da colectividade galega emigrada.
Nesa mesma estancia en América insírese tamén A paisaxe galega, as súas leis e tipos, pronunciada en 1947 na Federación de Sociedades Galegas, onde reflexiona sobre a paisaxe como elemento esencial da identidade de Galicia. Pola súa banda, a conferencia Galicia e Europa, pronunciada na Universidade de Bos Aires o 26 de xullo de 1959, revela a visión aberta e europeísta de Otero Pedrayo. Finalmente, en Homenaxe a Noriega Varela, impartida en Mondoñedo en 1967, Otero destaca con paixón a figura e a obra do poeta lugués.
Tamén se pode escoitar a conferencia Otero Pedrayo na cultura galega, pronunciada por Ramón Piñeiro en Ourense en 1976, ou a súa intervención na Homenaxe de Galicia a Don Ramón Otero Pedrayo realizada en Santiago en marzo de 1968.
As cartas recibidas ou emitidas
No especial pódese achegar ás máis de catrocentas epístolas que están vencelladas ao autor. Fernández del Riego, Antonio Fraguas, Luís Seoane ou Ricardo Carballo Calero son algúns dos nomes que se poden atopar entre a correspondencia dixitalizada polo CCG. Entre elas figura tamén a carta que lle envía a Camilo José Cela para comunicarlle a aceptación da elaboración do prólogo da versión galega de La familia de Pascual Duarte.
No especial destacan dous destinatarios polo volume e continuidade de cartas conservadas: Antonio Fraguas e Ricardo Carballo Calero. O epistolario cruzado entre Otero Pedrayo e Carballo Calero é un dos máis completos e interesantes dos que se conservan en Galicia. Inclúe 167 cartas, correspondentes a un período que vai de abril de 1949 a outubro de 1974.
Biografía de Otero Pedrayo, un home de Nós
No especial incorpórase a biografía feita por Patricia Arias Chachero para o Álbum de Galicia. Nela destácase a formación en Filosofía e Letras e Dereito que Otero Pedrayo recibiu en Madrid, así como a súa relación con membros da Xeración Nós, como Vicente Risco e Florentino Cuevillas.
Foi profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e xornalista, cunha obra fundamental para a literatura galega contemporánea. Publicou novelas clave como Os camiños da vida e Arredor de si, ingresou na Real Academia Galega en 1931 e tivo un papel destacado na vida política durante a Segunda República.
Tras a Guerra Civil foi apartado da docencia e retirouse en Trasalba, continuando a súa actividade intelectual ata o final da súa vida. Faleceu en 1976, deixando un legado esencial para a cultura e identidade de Galicia.

