NOTICIA

----

Un informe demanda o cumprimento dos dereitos culturais de acceso á cultura

O informe “Acceso á cultura en Galicia”, elaborado pola Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Paula Cabaleiro, conclúe que non existe unha percepción social de cumprimento efectivo dos dereitos culturais en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coa coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, e a redactora do texto e membro da comisión, Ruth Sousa, presentaron esta mañá o informe nunha rolda de prensa celebrada na sede da institución. “É un informe cunha metodoloxía diferente, que recolle información ao longo de todo un ano e que se sitúa na propia razón de ser da entidade, que ten entre os seus cometidos garantir a cultura”, asegurou Rosario Álvarez. O documento, elaborado tras un proceso no que participaron arredor de 500 persoas de perfil variado, insta as administracións a cumprir a lexislación en materia de accesibilidade, mellorar a formación dos profesionais e fomentar o coñecemento destes dereitos entre a cidadanía.

“Non se están cumprindo os dereitos culturais en Galicia” apuntou Paula Cabaleiro, como resposta á premisa que se situaba na base do proceso. Para chegar a esta afirmación deseñouse un foro cunha metodoloxía participativa e descentralizada con cinco sesións que se realizaron en 2025. Arrincou o 26 de marzo no Pazo de Goiáns (Boiro), centrado na participación e coordinado por Alberto García; continuou o 22 de abril na Casa Vella (Allariz), sobre territorio e coordinado por Roberto Pascual seguido do 21 de maio no Multiusos de Arcade (Soutomaior), dedicado á comunicación e coordinado por Mariam Fernández. As sesións de recollida pecharon o 18 de xuño cunha cita no Pazo de Tor (Monforte de Lemos), arredor da interseccionalidade e coordinada por Encana Lago. En total, celebráronse 13 mesas de traballo dinamizadas por mediadoras e palabreiras nas que participaron 147 persoas de maneira presencial, ás que se suman unhas 360 a través de enquisas en liña e se recolleron 240 preguntas. Nel participaron profesionais da cultura, terceiro sector, colectivos sociais, cidadanía e tamén persoal das administracións. O proceso culminou nunha xornada aberta de posta en común celebrada en outubro en Antas de Ulla.

O documento final que, en palabras de Paula Cabaleiro, “queremos que sexa útil para todas as administracións”, condensa a información dun proceso no que o 76% dos participantes define a cultura como un dereito básico, pero o 60% afirma descoñecer o concepto de dereitos culturais. Tamén se puxo en evidencia que non se están a cumprir os dereitos culturais en Galicia, respondendo á pregunta inicial deste proceso. O documento final contén media ducia de conclusións xerais sobre a situación das políticas culturais máis un decálogo de medidas a modo de folla de ruta en materia de acceso á cultura.

Desigualdades e incumprimento: principais conclusións
As conclusións poñen tamén o foco nas desigualdades estruturais que impactan no exercicio dos dereitos culturais. Territorio, idade, xénero, situación socioeconómica ou discapacidade condicionan o acceso e a participación. Desde o ámbito territorial advirten que “a cultura non ten que ser levada ao rural: está no rural”, mais ao mesmo tempo denuncia a ausencia de políticas específicas que garantan a diversidade do ecosistema cultural fóra das áreas urbanas. Detecta, ademais, unha percepción de utilización extractivista do territorio, empregando contornas naturais e patrimoniais como valor engadido para eventos alleos á comunidade, sen retorno real para ela. No ámbito da comunicación, o informe revela que mesmo entre profesionais do sector cultural existe un amplo descoñecemento sobre o concepto de dereitos culturais. A palabra —subliñaron as participantes— “non é neutra: xera marcos que lexitiman, que establecen o que importa e que indican quen é parte e quen está fóra”. Neste sentido, advirte da necesidade de reformular o discurso e empregar linguaxes accesibles que conecten coa cidadanía, porque “hai moito que explicar arredor dos dereitos culturais”, pero tamén moito que escoitar. Desde a perspectiva da interseccionalidade, reforzouse a idea de que “o dereito é de todas as persoas ou non é”. As barreiras múltiples que afectan a determinados colectivos evidencian que a cultura non pode desvincularse da xustiza social. A cidadanía reclama maior cogobernanza, procesos máis humanizados e espazos reais de participación activa. “A cultura debe axudar a situar a voz das persoas e colectivos invisibilizados”, recolle o documento, insistindo en que garantir dereitos culturais é tamén fortalecer a cohesión social e a saúde democrática.


Ademais, proponse reforzar a cultura como servizo público, ampliando os equipos humanos e dotándoos de recursos suficientes para exercer como facilitadores de espazos, ferramentas e canles de cogobernanza coa comunidade. Neste marco, considera imprescindible impulsar formación específica en dereitos culturais como complemento ao fortalecemento dos cadros profesionais.

Folla de ruta
A partir desta diagnose, o informe formula unha folla de ruta que aposta por avanzar cara a políticas culturais sostibles, descentralizadas e baseadas en dereitos. Reclámase a creación de estruturas reais de gobernanza participativa, como consellos cidadáns e orzamentos participativos; o equilibrio entre perfís programadores e mediadores nas institucións culturais; a descentralización de recursos; a incorporación transversal da perspectiva de xénero e da accesibilidade universal; e unha comunicación clara e comprensible que permita que a cidadanía coñeza e reivindique os seus dereitos. “É urxente avanzar cara a unha política cultural sostible, descentralizada e baseada nos dereitos das persoas”, apunta o documento.

O informe sitúase no marco dunha das dúas liñas de traballo permanentes que desenvolve a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais. Dunha banda atende á análise das políticas culturais e da outra, estuda a situación do novo paradigma dos dereitos culturais. Esta liña comezou en 2024 cunha xornada celebrada en Padrón á que asistiu, entre outros, a directora xeral de Dereitos Culturais, Jazmín Beirak, e na que se presentou o novo marco lexislativo e conceptual relacionado con este asunto. Neste 2026 continuarase con esta liña de traballo cunha serie de encontros territoriais sobre os dereitos culturais en relación coas migracións.