O programa abre o día 10 de marzo (20:30 horas) coa proxección de Antes de nós, de Ángeles Huerta, que contará coa participación da directora. O filme, protagonizado por Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo e Xoel Fernández, é un dos títulos con maior número de candidaturas aos Premios Mestre Mateo deste ano. Propón un percorrido emocional por dous momentos na vida de Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira: a etapa de 1918, marcada pola gripe española e a súa entrega profesional en Rianxo, e a viaxe a Bretaña en 1929 tras a perda do seu fillo, nun retrato íntimo do home antes do mito e da parella antes de se converter en símbolo colectivo.
O 12 de marzo ás 20:30 horas será a quenda de Grelei raíces no teu lar, de Adriana Páramo, que presentará esta obra de carácter autobiográfico na que a cineasta regresa a Galicia tras once anos fóra e, desde a casa da súa tía recentemente falecida, inicia unha viaxe íntima de reconstrución persoal e reflexión arredor da maternidade e do significado do fogar.
Pecha o programa As estacións (As Estações), de Maureen Fazendeiro, que poderá verse en dobre sesión (o 13 de marzo ás 20:30 e o 14 de marzo ás 18:00 horas, con coloquio posterior). A película entretece relatos de traballadores rurais, notas de campo dunha parella de arqueólogos, imaxes afeccionadas, debuxos científicos, lendas, poemas e cancións para compoñer unha viaxe pola historia e os contos do Alentejo portugués, ofrecendo un retrato sensíbel das xentes e da memoria dun territorio.
Emigrantes, un ciclo complementario
No marco do ciclo Olladas de muller e como unha das actividades complementarias da exposición Emigrantas. Emerxer co silencio, prográmanse unha serie de filmes que rachan coa imaxe estereotipada da muller emigrante: sacrificio, espera, subalternidade. “Aquí a muller é autora, é mirada e voz, e transforma a maneira de contar historias”, explican as comisarias Beli Martínez e Keina Espiñeira no folleto de presentación. Historias familiares, ausencias, despedidas e retornos aparecen na pantalla para reflectir as pegadas afectivas e sociais da emigración e para explorar a identidade en tránsito entre aquí e alá.
As obras, proxectadas en catro sesións, combinan linguaxes diversas, do rexistro doméstico á animación, do ensaio autobiográfico á experimentación, e empregan fragmentos, arquivos, voces en primeira persoa e silencios para facer visible o que antes ficaba invisibilizado. Son 4 sesións que non ofrecen respostas pechadas, senón novas maneiras de mirar, sentir e pensar a emigración.
Comeza coa Sesión 1. Etnografías urbanas, un espazo de análise e creación arredor das transformacións da cidade e das experiencias que a habitan, coa participación de Tini de Andrés e Xisela Franco, dúas creadoras e investigadoras que teñen desenvolvido un traballo destacado no ámbito da imaxe e da memoria social. Bowery NY (Tini de Andrés, 1972) e Anima Urbis (Xisela Franco, 2010).
A continuación, a Sesión 2. Identidades e memoria no capitalismo reunirá contribucións de varios autores, propondo unha reflexión colectiva sobre os procesos de construción identitaria, as políticas da memoria e os dispositivos culturais no contexto do capitalismo global. Inclúense as curtametraxes: 1977 (Peque Varela, 2007), Gato encerrado (Peque Varela, 2010), La memoria interior (María Ruido, 2002), Naoko (Aranxa Vicens, 2021) e Mariví, na pel da memoria (Laura e Coral Piñeiro, 2022).
A Sesión 3. Subalternidade histórica, traballo e xénero contará coa presenza de Margarita Ledo, quen abordará as relacións entre representación, historia e condicións laborais desde unha perspectiva feminista e crítica, poñendo o foco nas voces e suxeitos historicamente marxinados.
Pechará a programación a Sesión 4. Comunicacións na diáspora, interxeracións, tamén con achegas colectivas centradas nas dinámicas comunicativas das comunidades migrantes e nos diálogos entre xeracións, explorando como a memoria e a identidade se transmiten, transforman e resignifican a través do tempo e do espazo. Aquí están Cienfuegos 1913 (Margarita Ledo, Belkis Vega, 2008), Ata pronto, adeus (CPI O Cruce, de Cerceda, alumnado 1º-2º ESO, 2022), Segunda II (Anita Pico, 2024) e Memorias de ultramar (Carmen Bellas, Alberto Berzosa, 2021).
O ciclo de cinema
O ciclo Olladas de muller botou a andar en 2011 baixo o título «Creadoras galegas de imaxe», en colaboración coa Deputación de Lugo. Co tempo, foi abrindo novos camiños e sumando colaboradores que permitiron que o ciclo transitase por Santiago e Ferrol. Desde 2015 estableceuse unha vía estable de colaboración coa Filmoteca de Galicia (antes Centro Galego de Artes da Imaxe) e fixouse a realización do programa na súa sede na Coruña, aínda que tamén houbo proxeccións noutros espazos. Desde 2020 o programa enriqueceu o seu formato coa incorporación de proxeccións audiovisuais feitas na lusofonía.



