A mostra ábrese cunha sesión de relatorios que incluirá a intervención titulada “O instrumento hoxe”, a cargo de Suso Vaamonde, centrada no método e nas novas técnicas de interpretación, no uso e no enfoque dos toques tradicionais, coa participación en directo do cuarteto do Real Coro Toxos e Froles. Durante a sesión presentaranse os primeiros estudos acústicos do instrumento, que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, así como o método “Nova técnica de pandeireta galega”. A continuación, Mercedes Autrán Romero ofrecerá o relatorio “A transmisión dos coñecementos. O caso das pandeireteiras de Rois”, no que abordará a experiencia de transmisión interxeracional iniciada hai corenta anos grazas á implicación de avoas cantareiras e dunha mestra comprometida. O programa culminará ás 20:30 horas coa inauguración oficial da exposición, que contará coa participación das cantareiras do Real Coro Toxos e Froles.
A mostra
A mostra pretende “achegar a diferentes públicos (estudantes do instrumento, público infantil, pero tamén profesionais…) o estado actual da pandeireta en Galicia”. Así o afirma Luciano Pérez, comisario da exposición, que considera que, malia ser un instrumento moi popular, “é un gran descoñecido por todas as innovacións elaboradas polos diferentes mestres artesáns”.
A mostra achega o labor dos distintos mestres nas súas técnicas particulares de utilización de materiais, sistemas de tensado e acústica, e permite ver, a través de sete vitrinas, o trazado do conxunto en Galicia. Comeza cunha selección de instrumentos históricos, como a pandeireta do mestre artesán Manuel Fernández Martínez, o vello Barranco, que custou 20 pesetas no ano 1947, ou unha pandeira da colección do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, da que se descoñece o seu artesán, pero que é centenaria. Nesta vitrina inclúese tamén a pandeireta do primeiro artesán do que se ten noticia por gravar o seu nome no instrumento, Gonzalo Álvarez Martínez.
“Imos amosar fontes documentais e técnicas de construción; poderemos ver o despece do instrumento e, ademais, escoitar audios sobre o son particular de cada un destes instrumentos”, apunta Luciano Pérez.
A mostra tamén aborda a evolución dos parches, tradicionalmente feitos coa pel de ovellas e cabras, que foron evolucionando primeiro mediante o uso das mesmas peles, pero con distintos tratamentos (estabilizantes, curtidos, tinguidos, encolados…), ata chegar á simulación sintética (plásticos, vinilos e outros materiais) deses mesmos parches naturais, con vantaxes tecnolóxicas que melloran a súa estabilidade e afinación. Analízase tamén a evolución das ferreñas, orixinariamente de ferro e que hoxe en día son de folla de lata cun baño de estaño de distintos grosores e formas (lisas, feitas con matriz, rizadas ou simplemente dobradas á man). Cada artesán emprega a súa propia técnica, o que condiciona a intensidade do son.
A mostra conta tamén cun conxunto de prendas orixinais da cantareira da Chisca, Josefina Caeiro Freire, nada en 1926, así como recreacións realizadas no ano 1986 pola cantareira de Rois, Mercedes Autrán Romero. A exposición, que xa se puido ver en Lugo e Pontevedra, ten previsto continuar a súa itinerancia por Galicia.



