A obra sobre a seixebra, planta abondosa en Galicia e nomeadamente na Pontevedra natal de Sarmiento, foi unha das máis extensas de tema botánico e científico do autor. «Neste texto queda de relevo a estreita ligazón que establece entre o estudo da historia natural e o da lingua galega, conectados polas súas indagacións arredor das etimoloxías», explica Henrique Monteagudo na introdución. O texto orixinal perdeuse, pero chegou aos nosos días grazas a unha copia que se conserva na Colección Medina Sidonia.
Escrita polo frade con 67 anos, a obra recolle as voces galegas coas que se denomina esta planta común, frecuente nos campos e nas beiras dos camiños, e describe as súas virtudes. «Es infinito lo que tengo que decir de la seixebra, cuya virtud específica es para las enfermedades del bazo. Quisiera saber los nombres y usos que tiene en Galicia. Sé muchos, pero quisiera saber más, y probaré que en sola la seixebra se tiene abreviada una botica», apunta Sarmiento.
A edición desta obra, así como do catálogo da súa biblioteca, contou coa colaboración de Xosé Antón López Silva. O volume publícase en versión impresa e dixital con anotacións en galego, e só en formato dixital coas anotacións en castelán.
A científica Mari Álvarez Lires achega un estudo no que afonda no papel de Sarmiento na introdución da ciencia moderna en España e Galicia. A autora destaca que foi un sabio ilustrado e un «newtoniano orixinal», defensor dun coñecemento baseado na experiencia e nunha metodoloxía empírica e cuantitativa, acorde co espírito do newtonianismo. O propio Sarmiento defendía unha ciencia baseada na observación e na medición, unha investigación «asentada na experiencia sensible» e organizada «por números». Influído polos científicos newtonianos holandeses, empregou métodos como o estudo das gravidades específicas para identificar materiais e plantas. A súa metodoloxía partía da observación cos sentidos e da análise dos fenómenos naturais, afastándose do aristotelismo e do racionalismo abstracto. Ao mesmo tempo, criticaba os sistemas botánicos artificiais e apostaba por coñecer directamente os vexetais e as súas propiedades. Para Sarmiento, a ciencia debía ter unha finalidade práctica: mellorar a vida das persoas e aproveitar os recursos naturais. Por iso promoveu o estudo da historia natural e mesmo propuxo a creación dun «xardinciño medicinal de pobres» con plantas útiles. Tamén defendeu o valor do saber popular e da experiencia de labregos e mulleres.
Unha biblioteca que revela moito do autor.
Na presentación tamén se deu a coñecer a edición dixital do catálogo da biblioteca de Martín Sarmiento, realizada a partir do manuscrito autógrafo que se conserva na Real Academia da Historia. Aínda que nos seus escritos aseguraba ter uns 7.500 corpos de libros, o catálogo recolle arredor de 5.500 títulos. «Non todos están no catálogo que el mesmo elaborou porque algúns poderían ser sospeitosos para a Inquisición», explicou Henrique Monteagudo. A obra, o escrito máis extenso e articulado de Sarmiento, ten interese filolóxico e permite recoller numerosos usos medicinais. Ademais, sinalou Monteagudo, «a partir de agora os que queiran consultar sobre a Ilustración española terán que acudir a esta obra».
Rafael Loureiro, transcritor do catálogo, considera que o documento «permite falar da amplitude de gustos e de criterios, e da sorprendente cantidade de libros de ciencias naturais, pero tamén de alquimia e ciencias vanas». Na biblioteca de Sarmiento había desde un códice calixtino ata practicamente toda a biblioteca de Lineo, obras en lemosín (catalán), as mellores edicións de atlas e mesmo algún incunable.
Monteagudo tamén destacou o carácter sistemático da catalogación realizada por Sarmiento. Empregou un sistema de citación moi avanzado para a súa época, no que incluía autor, título, extensión, editorial, calidade da edición, formato e anotacións persoais sobre o exemplar. «Foi caro, carísimo, rarísimo, selecta…» son algúns dos comentarios que deixou. Ademais, utilizaba un peculiar «ex libris»: furaba determinadas páxinas dos volumes e marcaba nelas unha serie de palabras —Fray na páxina 30, Martín na 36, Sarmiento na 45 e Benedictino na 56— que permitían identificar facilmente a procedencia do libro.
Sarmiento reuniu esta grande biblioteca grazas aos ingresos da única obra que publicou en vida, Demostración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal (1732), do padre Feijoo, da que se publicaron varias edicións. Segundo Loureiro, «foi un bibliófilo encadeado á súa biblioteca porque, se non puido regresar a Galicia, foi porque non atopou a quen venderlla». Tras a súa morte, a colección pasou á orde beneditina, onde desapareceu rapidamente.
Sobre Martín Sarmiento
Martín Sarmiento (1695-1772) foi un destacado erudito e ilustrado galego do século XVIII, coñecido polo seu traballo en lingüística, historia natural, educación e economía. Monxe bieito e gran estudoso, acumulou unha vasta biblioteca e desenvolveu unha intensa actividade científica e intelectual, influída polo empirismo e polo pensamento ilustrado europeo. Viaxou por Galicia recompilando información sobre a lingua, a flora, a fauna e as tradicións, deixando obras fundamentais como Onomástico Ethimológico de la Lengua Gallega e Pensamientos Crítico-Botánicos. A súa visión progresista tamén o levou a formular propostas para a conservación ambiental, a reforma educativa e a mellora das condicións económicas de Galicia.
A pesar de contar cun profundo coñecemento en diversas disciplinas, Sarmiento decidiu non publicar en vida a maior parte da súa obra, o que dificultou a súa difusión ata séculos despois. Foi un defensor do galego e da identidade cultural de Galicia, promovendo o seu uso na ciencia e na educación. A súa figura segue sendo estudada e reivindicada, destacando como un precursor do pensamento moderno e un dos intelectuais máis avanzados da súa época.


