----

Peche das XVIII Xornadas do Peregrino dedicadas a Andrea López Chao

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá unha xuntanza que serviu de peche das XVIII Xornadas do Peregrino, centradas na figura de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 – A Habana, 1954), destacada mestra do galeguismo na emigración. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, recibiu a comisión e destacou a importancia deste tipo de homenaxes. Tamén interviron Alberto García, concelleiro de Cultura de Mondoñedo, e Luís Fernández Ansedes, membro da asociación Abrindo Camiño, quen destacaron o carácter transdisciplinar das actividades que se desenvolveron en Mondoñedo, Cuba e Madrid.

Ao remate da xuntanza, a comisión organizadora trasladouse ao Parlamento de Galicia, onde entregaron documentación sobre a figura de Andrea López Chao, así como un dossier das actividades desenvolvidas para deixar testemuño escrito.

Andrea López Chao
Naceu en Mondoñedo en 1874 e exerceu como mestra en diversas escolas rurais da zona —como Paradavella, Lindín, Couboeira e Viloalle— antes de emigrar a Cuba en 1904, tras quedar viúva. Alí continuou a súa dedicación á docencia como directora e profesora no Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana.

Ademais, foi unha figura destacada na comunidade galega emigrada en Cuba: converteuse na primeira muller en ocupar a vicepresidencia da sociedade Hijas de Galicia (fundada en 1917 para apoiar ás mulleres emigrantes en situación de vulnerabilidade) e participou activamente na creación dun sanatorio —e posteriormente dun hospital e balneario— en beneficio destas mulleres.

Andrea López Chao foi unha mestra mindoniense que, tras emigrar a Cuba, dedicou a súa vida tanto á docencia como á defensa dos dereitos e da asistencia das mulleres galegas emigradas. A súa biografía pode consultarse no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do CCG, elaborada por Prudencio Viveiro.