NOTICIA

----

Voces do xornalismo e da literatura reivindican a figura de Begoña Caamaño

A xornada “Non hai fronteiras (ou si?): xornalismo e literatura nas Letras Galegas”, organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) reuniu en Santiago de Compostela a destacadas voces do ámbito literario e xornalístico galego para reflexionar sobre as conexións entre ambos campos. “Poderíamos falar destes temas en calquera momento, pero quixemos facelo coincidir tamén coa figura de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, que transitou ambos universos” apuntou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na inauguración xunto con Dolores Vilavedra, coordinadora da sección; e con Marta Veiga, coordinadora da xornada.

A proposta nace coa vontade de afastarse da efeméride do 17 de maio para ofrecer unha reflexión máis demorada e aberta sobre o legado de Caamaño e, en particular, sobre ese territorio compartido entre literatura e xornalismo. A xornada puxo o foco en cuestións como a percepción das persoas que traballan nos medios e publican ficción, as transicións entre a escrita xornalística e a literaria ou a existencia de “territorios esvaradíos” derivados da condición proteica de ambos ámbitos, que permiten transitar entre eles con liberdade. Como sinalou Marta Veiga, “os espazos do xornalismo son tamén lugares onde convive a literatura”, e o obxectivo foi precisamente “trazar eses camiños compartidos”.

Un retrato poliédrico da Begoña Caamaño xornalista
A primeira mesa, “Tres voces arredor da Begoña Caamaño xornalista”, reuniu a María Xosé Porteiro, Ramón Nicolás e Lucía Junquera, nun diálogo que procurou ofrecer un bosquejo poliédrico da autora na súa faceta mediática.
As intervencións puxeron en valor o contexto no que se formou Caamaño, especialmente o Vigo de finais do século XX. Ramón Nicolás destacou a importancia de espazos como o barrio de Lavadores, cunha identidade marcada pola convivencia entre o mundo agrario e industrial, e cunha forte tradición de mobilización social e política. Ese “caldo de cultivo”, no que tamén tiveron un papel clave figuras como María Xosé Queizán ou o profesorado do instituto Alexandre Bóveda, contribuíu a forxar unha personalidade comprometida, vinculada ao feminismo e ao pensamento progresista.

Tamén se salientou a relevancia da radio e dos primeiros medios de comunicación como espazos de aprendizaxe e experimentación, así como o papel de Caamaño na creación e consolidación dos medios públicos galegos, na descentralización dos contidos informativos e na defensa da lingua galega.

Pola súa banda, Lucía Junquera incidiu na concepción do xornalismo cultural como unha ferramenta fundamental —hoxe en retroceso— e lembrou a actitude optimista e combativa de Caamaño, convencida da capacidade transformadora do traballo colectivo.

Contar: o núcleo común
Un dos momentos centrais da xornada foi a conversa “As lindeiras entre literatura e xornalismo” entre Ledicia Costas e Manuel Rivas, moderada por Montse Pena Presas. Ambos coincidiron en sinalar que, máis alá das fronteiras formais, existe un elemento esencial compartido: a necesidade de contar.

A través da metáfora das hélices do ADN, explicaron como xornalismo e literatura comparten un mesmo núcleo —o relato— aínda que se orienten en direccións distintas: o xornalismo cara ao exterior, ao inmediato; a literatura cara ao interior, á exploración máis profunda. “O xornalismo é como o mar, un espazo de reinvención continua”, sinalou Rivas, quen tamén reivindicou esta práctica como unha das portas posibles para a creación literaria.

Pola súa banda, Ledicia Costas relatou a súa experiencia como colaboradora de prensa, marcada pola inseguridad inicial e e pola conciencia da responsabilidade que implica escribir para un público diferente. Ambos subliñaron a importancia da escoita, do estilo e do compromiso coa palabra, lembrando que incluso o texto máis breve no xornalismo implica unha responsabilidade ética.

Tamén reflexionaron sobre o papel dos “porqués” como motor da escrita: “o xornalismo e a literatura son o lugar do mundo dos porqués”, apuntou Rivas, unha idea que Costas completou sinalando que é precisamente desa pregunta de onde nacen as historias.

A sesión da tarde: novas voces e espazos de hibridación
A programación da tarde continuou coa mesa “Escritoras nos medios. Nós tamén opinar”, na que Ismael Ramos, Antía Yáñez e Susana Sánchez Aríns abordaron o papel das voces literarias nos medios de comunicación e a súa capacidade para intervir no debate público, reivindicando espazos para unha escrita con identidade propia tamén no ámbito mediático.

Finalmente, a mesa “Xornalistas no prelo. Nós tamén publicar ficción”, con María Solar, Santiago Jaureguizar e Nicolás Carreira Pena, puxo o foco no tránsito desde o xornalismo cara á literatura, explorando as continuidades, aprendizaxes e tensións que se producen ao pasar das páxinas dos xornais á creación ficcional.